A batería de Guitar Hero poderá adquirirse por separado a partires do venres

mércores, 22 de abril do 2009 Marcus Fernández

Roberto Aracil demostrando o uso da batería no Guitar Hero World Tour

Este venres chega ás tendas españolas de xeito independente a batería do xogo Guitar Hero World Tour para Xbox 360, PlayStation 3, PlayStation 2 e Wii, que ata o momento só se podía adquirir no pack completo do xogo (á venda por 189,95 euros na versión de PS2 e a 209,95 euros no resto de plataformas), de xeito que os usuarios que xa conten con xogos musicais e guitarras, poden sumarse á experiencia de xogo completa adquirindo a batería de xeito independente, aínda que a un prezo que dista moito de ser unha oferta (uns 119,90 euros), especialmente se temos en conta que hai uns días podía adquirirse o primeiro Rock Band con todos os seus instrumentos por uns 99 euros, ou que pedila ao Reino Unido sae por uns 103,90 euros (portes incluídos).
A batería é compatible cos xogos Guitar Hero World Tour, Guitar Hero: Metallica, o futuro Guitar Hero: Greatest Hits, Rock Band, Rock Band 2 e os xogos musicais que vaian saíndo nos vindeiros meses, aínda que non todos tiran proveito de todas as pezas, pois esta batería emprega 3 pads, 2 pratos e un bombo, o que a converte na batería para consola máis completa na actualidade.
Como curiosidade, comentar que a batería pode utilizarse de xeito independente, conectándoa a través da súa conexión MIDI cun ordenador para producir todo tipo de sons e efectos, o que lle daría parte das funcionalidades propias dunha batería electrónica de verdade, podendo empregarse tamén unida ao estudo de música de Guitar Hero World Tour para poder facer unha interesante achega ao mundo da música, segundo comentou ante a prensa Roberto Aracil, batería de Pereza, cando probou publicamente o dispositivo o mes pasado.

PUBLICIDADE