O xogo Rock Band cos seus instrumentos ofértase a menos de 100 euros

mércores, 1 de abril do 2009 Marcus Fernández

Cando chegou a España o xogo Rock Band cos seus instrumentos, facerse co paquete completo custaba uns escandalosos 238 euros na súa versión para Xbox 360, que baixaría lixeiramente ao rematar a fiestra de exclusividade da consola de Microsoft, pero entre os días 1 e 8 de abril será posible facer realidade o soño de montar un grupo de rock ao redor da nosa consola de videoxogos (Xbox 360, PS3, PS2 e Wii) por só 99,98 euros.
Esta promoción responde ao nome da semana tola de Rock Band, e incluiría a primeira entrega deste videoxogo musical (que xa conta cunha secuela), guitarra, batería e micrófono. A oferta é bastante boa, pero non hai que esquecer que o xogo cos instrumentos nos EE.UU. ten un prezo oficial de 139,99 dólares (uns 105 euros), sendo doado atopalo máis barato, polo que esta promoción por tempo limitado serviría para rematar cos stocks sobrantes dun modelo vello, á vez que crea usuarios para as futuras entregas da franquía musical de Harmonix e MTV Games.

PUBLICIDADE