A aplicación Eventos Smart Coruña estrea versión para iOS

martes, 14 de abril do 2015 Marcus Fernández

Alejandra González participou esta tarde no programa A Tarde da Radio Galega

Ao remate do mes de febreiro presentouse publicamente o proxecto Coruña Smart City, aproveitándose a ocasión para lanzar a aplicación Eventos Smart Coruña para dispositivos Android, que colleitou un grande éxito nos últimos meses, tal e como declarou a responsable de presentar esta ferramenta, Alejandra González, da empresa galega Balidea, quen esta mesma tarde ante os micrófonos da Radio Galega anunciou en primicia que nos últimos días publicaron na App Store a versión para iOS da aplicación, que xa leva acumulado un bo número de descargas pese a non terse anunciado a súa estrea.
A aplicación Eventos Smart Coruña achega acceso áxil á información sobre a celebración de eventos culturais e deportivos da cidade herculina tanto de ámbito público como privado, de xeito que fai doado informarse sobre a oferta de concertos, festas, obras de teatro, espectáculos, exposicións, cursos, obradoiros...
A versión actual da aplicación facilita o acceso aos vindeiros eventos directamente na súa pantalla de inicio, permite localizar eventos preto da posición do usuario, fai posible realizar pescudas por palabra chave, temática ou rango de datas, conta cunha sección de recomendacións de eventos para a data actual, presenta os resultados das buscas no mapa da cidade, inclúe información detallada dos eventos (data, hora, teléfono e lugar de celebración) e permite consultar a ruta para chegar ao lugar de celebración dos eventos.

Imaxes da versión para iOS da aplicación de Eventos Smart Coruña

PUBLICIDADE