A Coruña presenta o seu proxecto de Smart City

xoves, 26 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Esta mañá o proxecto Coruña Smart City presentouse á cidadanía nun evento conducido polo coñecido actor e monologuista Javier Veiga, quen deu paso aos responsables dos distintos piares que compoñen esta iniciativa que busca dotar á cidade da Coruña cunha intelixencia que lle permita prosperar en sustentabilidade enerxética, respecto ao medio ambiente, servizos ao cidadán e información aos visitantes, conseguindo unha urbe que tire proveito das posibilidades que ofrecen as TIC e abrindo a porta á reutilización da información que se xera a través do Open Data.
Esta iniciativa busca que a información relativa ao tráfico, o rego, a iluminación, as actividades culturais e deportivas, a calidade do aire e da auga... e moitos outros factores estea procesada informaticamente, para o seu aproveitamento efectivo, á vez que tamén avanza na realización de trámites administrativos co Concello, o que esperan que sexa só un punto de partida para que co tempo os coruñeses poidan gozar dun tráfico máis fluído, un uso máis eficiente dos recursos, unha grande cantidade de información ao alcance da man e, en definitiva, unha cidade conectada que contribúa a ter unha mellor calidade de vida.
Se ben que a xestión intelixente da auga, o control do consumo enerxético das instalacións públicas e unha cidade menos contaminada sexan vantaxes que claramente beneficiarán aos cidadáns, resultan máis visibles outros servizos como a posibilidade de realizar trámites administrativos dende a Sede Electrónica municipal, así como a produción de contidos destinados a facer máis visible a cidade e a súa programación cultural de cara ao seu descubrimento por parte de cidadáns e visitantes, dinamizando a actividade local e favorecendo o turismo.
Boa parte destes servizos están xa dispoñibles a través de páxinas web municipais, pero dende hoxe mesmo tamén están ao alcance da man a través de aplicacións móbiles que inicialmente chegan para Android, e que están a preparar o seu desembarco para iOS.
Por unha banda temos a aplicación Eventos Smart Coruña, presentada por Alejandra González no acto que acolleu o Centro Ágora, e que ofrece toda a información sobre eventos que se celebra na cidade da Coruña, facilitando a súa busca xeral e temática, e incluíndo numerosos detalles sobre os distintos eventos, de xeito que podemos saber en que consisten, cando se celebran, o seu lugar de celebración e información sobre como adquirir as entradas para o mesmo no caso de ser preciso. González destacou a simplicidade de uso desta ferramenta e quixo animar aos presentes a instalala no seu dispositivo móbil para probar a súa grande utilidade.
Tras a intervención de Alejandra González, subiu aos escenario Miguel Montesinos para dar conta da outra nova aplicación, Visitas Guiadas Coruña, que permite empregar o smartphone para planificar visitas a través da cidade da Coruña, así como información sobre os enclaves máis emblemáticos para que cando esteamos en cada lugar poidamos recibir información sobre os mesmos no móbil en función da información de GPS do móbil. A aplicación fai uso da realidade aumentada para presentar a información, está aberta para que os usuarios poidan crear as súas rutas, pero inicialmente xa conta cunha serie de rutas de grande interese para animar aos visitantes a coñecer con profundidade a cidade seguindo unha secuencia lóxica entre os distintos puntos de interese que conforman, por exemplo a ruta de John Moore, a da Cidade Vella ou a que nos anima a coñecer ao Picasso coruñés.
Pechou o evento o rexedor local, Carlos Negreira, quen destacou a necesidade da cidade de avanzar no ámbito das Smart Cities, para medrar como urbe, recibir máis fondos europeos, abrir posibilidades aos emprendedores e mellorar o atractivo da cidade para futuras colaboracións. Negreira asegurou que “isto é o principio; é como un contedor que vainos ofrecer infinitas posibilidades para o futuro. Non para o Goberno, non para as empresas, senón para todos os coruñeses, para todos os galegos e para todos os europeos. Camiñar neste terreo é fundamental para o progreso do futuro. (..) As cidades que esteamos nas novas cousas daremos máis oportunidades aos nosos cidadáns. Espero que teñamos todos un futuro compartido e un futuro mellor”.
Para tratar de involucrar aos coruñeses no proxecto abrirase un showroom, espazo no que se explicará o funcionamento e os beneficios dos 14 proxectos desenvolvidos en Coruña Smart City.


Vídeo de presentación de Coruña Smart City

Esta mañá @veigajavier armou unha boa na presentación de Coruña Smart City

Un vídeo publicado por Marcus Fernández (@marcusfernandez) el

<script async defer src="//platform.instagram.com/en_US/embeds.js"></script>

PUBLICIDADE