A Nintendo DSi XL chegará a España o 5 de marzo

xoves, 14 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

Nintendo vén de anunciar oficialmente o lanzamento da nova consola portátil Nintendo DSi XL en España, que finalmente será o vindeiro 5 de marzo en dúas cores (cereixa e chocolate) e con 2 xogos DSiWare preinstalados (Brain Training del Dr. Kawashima: Letras e o Diccionario 6 in 1).
Esta revisión da DSi ten coma principal novidade un tamaño maior (superando incluso á primeira PSP), o que afecta tanto ao volume da consola (161 x 91,4 x 21,2 mm), ao seu peso (214 gramos), ás dimensións das súas pantallas (que pasan de 3,25 a 4,2 polgadas) e na forma da súa stylus (que agora toma unha forma moi semellante á dun bolígrafo, o que parece máis cómodo para moitos usuarios). A súa autonomía tamén mellora con respecto á DSi normal (aínda que mantense por debaixo da DS Lite).
Polo momento non anunciaron o prezo ao que chegará ás tendas, pero agárdase que estea entre 180 e 200 euros. Agárdase que vai conseguir unha boa aceptación, especialmente entre os usuarios de maior idade e, de feito, no seu lanzamento nipón o pasado 21 de novembro colocou máis de 100.000 unidades nos seus 2 primeiros días á venda.

PUBLICIDADE