A CRTVG engade contidos á carta á súa aplicación para iPhone e iPad

xoves, 20 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Varias series da TVG poden verse agora dun xeito máis cómodo no iPad

Hai pouco máis dun ano a TVG e a Radio Galega estrearon aplicacións móbiles que facilitaban o acceso aos seus contidos en directo e informativos a través de dispositivos con Android e iOS, que finalmente están a actualizarse de xeito importante e, aínda que polo momento a ferramenta para Android limítase a mellorar a súa compatibilidade con máis dispositivos, a de iPhone e iPad dá un importante paso adiante, estreando versión 2.0, que mellora a navegación e o acceso aos contidos e como grande novidade conta con acceso aos programas do servizo á carta da TVG, de xeito que xa podemos ver series como Matalobos e Padre Casares ou programas como Eirado e Larpeiros dende a comodidade do noso smartphone ou tablet, coa posibilidade tamén de, se estamos rexistrados como usuario, poder marcar contidos para poder velos noutro momento na sección Ver despois.
Os contidos dispoñibles na sección de Á carta da nova aplicación aínda son bastante limitados, pero é de agardar que vaian incrementándose paulatinamente, aínda que podemos lembrar que a páxina web da CRTVG tamén está optimizada para dispositivos móbiles, polo que os usuarios que desexen ver algún episodio de Son Goku ou dos Bolechas no seu tablet ou móbil teñen aberta tal posibilidade con independencia da evolución da aplicación oficial para estes dispositivos.

A aplicación para iPhone tamén engade as seccións de Á carta e Ver despois

PUBLICIDADE