A CRTVG estrea aplicación móbil para iOS e Android

luns, 28 de novembro do 2011 Marcus Fernández

A nova aplicación está adaptada tanto para iPhone como para iPad

A Compañía da Radio-Televisión de Galicia vén de desenvolver a aplicación móbil CRTVG Informativos e Directos, coa que facilitan o acceso aos seus contidos en mobilidade, de xeito que en calquera momento e en case calquera lugar será posible sintonizar as canles internacionais da TVG (Europa e América) e as 3 emisións da Radio Galega (Radio Galega, Radio Galega Música e Son Galicia Radio), así como acceder aos contidos dos informativos da TVG (podendo consultar por separado as seccións de Deportes, Galicia, Mundo e o Tempo) tanto dende dispositivos co sistema operativo Android coma con iOS.
A nova aplicación pode descargarse de balde no Android Market, para móbiles co sistema operativo promovido por Google, mentres que os usuarios de iPhone, iPod Touch e iPad poden descargala da App Store, ofrecendo nesta caso unha interface de uso válida tanto para móbiles coma para tablets, adaptándose ás peculiaridades das dimensións de pantalla dos distintos trebellos.
A nova aplicación para iOS da CRTVG tamén permite personalizar os seus fondos con imaxes emblemáticas de Galicia e é compatible con Apple TV, mentres que os usuarios de Android teñen que conformarse cunha ferramenta que serve de atallo aos contidos audiovisuais da CRTVG.

CRTVG Informativos e Directos tamén está dispoñible para móbiles Android

PUBLICIDADE