A CNMC multa a Movistar e Yoigo polos seus acordos anticompetitivos

martes, 21 de xullo do 2015 Marcus Fernández

En 2013 Yoigo sorprendeu ao anunciar que pasaría a ofrecer conexións de banda larga móbil 4G sen agardar á liberación da banda dos 800 MHz, aproveitando así a licenza da banda dos 1.800 MHz adquirida en 2011, ao que seguiu un acordo con Movistar para compartir infraestruturas de telecomunicacións (o que facilitaba ao operador móbil de Telefónica a entrada anticipada no 4G), pero esta alianza podería ter consecuencias no mercado, o que levou á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) a impor unha multa de 6 millóns de euros a Telefónica e de 300.000 a Yoigo (a diferenza das contías responde ao volume de facturación de cada compañía).
A CNMC analizou a operación que permitía a revenda por parte de Yoigo de produtos minoristas de Telefónica, o chamado “Fusión a lo Yoigo”, que nun principio sería algo positivo para o mercado, pero o acordo incluía que cada seis meses Telefónica podía rescindir o acordo unilateralmente, o que a CNMC considera que tiña efectos perniciosos.
A CNMC tamén analizou o acordo polo que Yoigo utiliza a infraestrutura de Telefónica para dar servizo onde non chega coa súa propia rede, que inclúe unha cláusula que impide a Yoigo revender a terceiros a rede de Telefónica, que tamén sería anticompetitiva.

PUBLICIDADE