Os clientes de Digi quedan varias horas sen poder realizar chamadas dende o móbil

xoves, 31 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Digi, o operador de telecomunicacións que está a presumir de ter recibido máis de 266.200 portabilidades durante os meses de xuño, xullo e agosto, non está a rematar o mes con bo pé, xa que esta tarde experimentou unha caída na súa rede móbil que deixou a boa parte dos seus clientes sen a posibilidade de realizar chamadas.
Durante varias horas os clientes algúns clientes quedaron totalmente incomunicados, mentres que outros usuarios tiñan problemas para establecer chamadas con algúns números en concreto, pero en calquera caso foi unha incidencia de grande alcance e longa duración (unhas 6 horas), que provocou un grande descontento por parte dos usuarios e da falta de resposta por parte do servizo de atención ao cliente.
Cómpre lembrar que Digi padeceu outra incidencia importante o pasado día 4, polo que pode dar a impresión de que a compañía está a ter problemas para operar correctamente co ritmo de crecemento actual.

PUBLICIDADE