Movistar e Yoigo compartirán infraestruturas de telecomunicacións

xoves, 1 de agosto do 2013 Marcus Fernández

O avance constante da telefonía móbil obriga aos operadores a xuntar esforzos para optimizar os seus gastos, de aí que non debería sorprendernos que hoxe Telefónica España e Yoigo anuncien unha serie de acordos a través dos que Movistar dará servizos 4G sobre a rede de Yoigo e Yoigo poderá comercializar un produto converxente cos seus servizos móbiles e os servizos fixos (voz e banda larga) de Telefónica. Estes acordos tamén contemplan a renovación do actual contrato de roaming nacional para a utilización dos accesos 2G e 3G de Telefónica por parte de Yoigo, que comezou en 2008 e queda estendido ata 2016.
Estes acordos parecen beneficiosos para ambas partes, pois Yoigo poderán ofrecer un produto semellante aos de Movistar Fusión aos seus clientes, á vez que Telefónica poderá introducirse na telefonía móbil 4G na banda dos 1.800 MHz sen ter que acometer unha nova infraestrutura (pois a compañía está a adiar o despregamento da súa propia rede LTE á liberación do chamado dividendo dixital, actualmente ocupado por varias canles de TDT). A velocidade de acceso que facilitará a rede 4G de Yoigo tamén será subministrada por Telefónica, e Yoigo pretende ter o servizo operativo en todas as poboacións españolas de máis de 70.000 habitantes antes de rematar o ano.
Yoigo e Telefónica tamén acordaron vender un mínimo de 4.227 infraestruturas pasivas a Abertis por importe de 385 millóns de euros, operación tras a que as compañías telefónicas compartirán esas infraestruturas.

PUBLICIDADE