eHospital, premiado en Austria polo seu labor de aprendizaxe a distancia con adultos

venres, 14 de novembro do 2008 Raquel Noya

O proxecto europeo eHospital, no que participaron o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) mailo grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa da Universidade de Santiago de Compostela, vén de ser galardoado co mais prestixioso premio á educación de adultos que concede o Ministerio de Educación, Ciencia e Cultura de Austria, polo seu labor de formación continua de doentes adultos mediante e-learning, aprendizaxe a distancia por medio das novas tecnoloxías.
eHospital foi considerada como a Iniciativa con maior potencial innovador para a educación de adultos de entre 66 propostas presentadas ao galardón, e que foron avaliadas por un xurado de expertos e sometidos a votación pública. O premio foi concedido pola ministra austríaca de Educación, Claudia Schmied nunha cerimonia á que asistiu o coordinador do proxecto, Holger Bienzle, a pasada semana.
Como temos comentado xa nesta mesma web, o proxecto ten por obxectivo ofrecer formación continua mediante e-learning a enfermos adultos hospitalizados durante períodos longos de tempo e nel participaron oito institucións de seis países europeos, coa coordinación da institución austríaca Die Berater. O CESGA e a Universidade de Santiago foron os únicos representantes do estado español, ademais do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, que foi o lugar no que se levaron a cabo as experiencias formativas.

Difusión dos resultados

As conclusións do proxecto eHospital foron presentados o pasado día 19 de setembro na Conferencia Final eHospital, na cidade austríaca de Krems, na que se debateron os resultados e as potencialidades deste tipo de formación en hospitais. Ademais, as conclusións do traballo deron lugar a dúas publicacións. A primeira delas é unha edición resumida que leva por título E-learning para doentes adultos hospitalizados. Experiencias-Retos-Recomendacións, de 52 páxinas e dispoñible en cinco idiomas. A segunda publicación, titulada E-Hospital: Experiencias con actividades de e-learning para pacientes, ten 152 páxinas e está dispoñible en inglés e, en breve, editarase en español. Todas estas versións poden consultarse e descargarse na páxina web do proxecto www.ehospital-project.net.

PUBLICIDADE