Zona Franca e UVigo entregan os premios Galileo e Copernicus a dous proxectos locais
martes, 23 de novembro do 2021
Dous
proxectos nados na Universidade de Vigo foron elixidos, mediante
votación, como gañadores dos certames Galileo Master e o Copernicus
Master Galicia 2021. A directora xeral de Zona Franca, Inés
González; e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa,
entregaron os diplomas, como representantes das entidades encargadas
da organización dos premios na súa modalidade autonómica. O
gañador do Galileo Master é o proxecto Adagio, e a contribución
Saint James Caminito impúxose no Copernicus Master.
Adagio
é unha iniciativa que pretende mellorar os compoñentes a bordo dos
CubeSat, un tipo de satélite miniaturizado empregado para a
investigación e aplicación espaciais nunha órbita terrestre baixa.
Coa súa proposta, o equipo de investigadores novos quere optimizar a
precisión do seu posicionamento, o rendemento e liberar espazo no
CubeSat.
O
outro galardoado foi Saint James Caminito, que conseguiu o Copernicus
Master. O proxecto está enfocado ao gran dinamizador do turismo
galego: o Camiño de Santiago. O Camiño conta con 2.837 quilómetros,
polo que esta iniciativa pretende facer monitoraxe deles mediante o
uso das imaxes de Copérnico e algoritmos que analizarán a
vexetación, o estado dos camiños, fallos, inundacións, incendios
e, en xeral, “calquera evento que supoña unha ameaza para a
seguridade do peregrino”, sinalan os seus responsábeis.
Ambos
os proxectos naceron no seo de UVigo SpaceLab, que xunta máis de
trinta estudantes das distintas enxeñarías dos Campus de Vigo e
Ourense. UVigo SpaceLab está patrocinado por empresas e institucións
da área de Vigo que teñen unha profunda colaboración con Zona
Franca.
Ao
acto de entrega dos diplomas, na Zona Franca en Bouzas (Vigo),
asistiron, do proxecto Adagio, Andrés Rabuñal, responsábel do
proxecto, Alejandro Camanzo, CTO e Manuel Vale, responsábel do
departamento de comunicacións. Por parte do proxecto Saint James
Caminito asistiron Manuel Diz, representante do equipo e Pedro Carro,
responsábel do departamento de software.
Os
premios Galileo Masters celébranse anualmente desde 2004 e contan co
apoio dos principais actores europeos relacionados coa navegación
por satélite, tales como a Axencia Europea GNSS (Sistema Global de
Navegación por Satélite) GSA, o Centro Aeroespacial Alemán (DLR),
a Oficina Europea de Patentes (EPO) e o Ministerio Federal alemán
para o Transporte e lnfraestrutura Dixital (BMVI) en asociación co
Ministerio Federal alemán de Asuntos Económicos e Enerxía (BMWi),
entre outros.