Windows 10 xa ten máis usuarios de Steam que calquera versión de OS X ou Linux

luns, 3 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos días soubemos do bo ritmo de instalación da actualización de Windows 7/8.1 a Windows 10, e aínda que a esta altura é de agardar que supere os 100 millóns de equipos a nivel mundial, un detalle moi significativo da implantación de Windows 10 é que Steam, a plataforma de xogo en liña de Valve, publicou as súas estatísticas do mes de xullo, e pese a que Windows 10 iniciou a súa distribución o 29 de xullo, conseguiu superar a todas as distribucións de Linux xuntas, e tamén é máis popular que calquera versión de OS X.
Deste xeito, o mes de xullo remataría co 2,21% dos usuarios de Steam con Windows 10 de 64 bits instalado e o 0,09% coa versión de 32 bits, de xeito que sumaríamos un 2,3%. Dado que estamos só ante o resultado de 3 días, non parece arriscado pensar que cando publiquen os datos de agosto Windows 10 superará a cota de equipos de OS X (3,23%) e Linux (0,89% xuntos.
Un detalle curioso que pode verse das estatísticas publicadas é que a meirande parte dos usuarios que están a actualizar a Windows 10 provirían de Windows 7, que aínda mantén máis da metade do parque de equipos dos xogadores desta plataforma, aínda que Windows 8.1 conseguiu mellorar bastante en penetración durante os últimos meses, aínda que é de agardar que se vexa eclipsado rapidamente por Windows 10, que promete ser a versión de Windows que consiga unha maior cota de mercado nos primeiros meses despois do seu lanzamento.