Vitae móstranos en maio todo o que debemos saber sobre as entrevistas condutuais estruturadas

martes, 9 de abril do 2024 S. P.

Vitae Consultores organiza este mes de maio un curso que nos achega claves e metodoloxías útiles para mellorar os resultados dos procesos de selección de profesionais e formacións de equipos. Trátase de Deseño e Aplicación de Entrevistas Condutuais Estruturadas en Selección de Persoal, unha actividade formativa de 15 de horas de duración que se desenvolve os días 14, 15, 21, 22 e 28 de maio de 2024.
Segundo explica Vitae poñéndonos en contexto, a Entrevista Condutual Estruturada (ECE) é un dos métodos de selección de persoal con maior validez preditiva, o que a converte nun dos mellores instrumentos para avaliar o axuste das persoas aos postos e organizacións. A ECE, ademais, posúe unhas características diferenciadas das entrevistas convencionais e require adestramento previo tanto para o seu deseño como para a súa posterior aplicación “se queremos aproveitar todo o seu potencial como ferramenta de selección”, explican fontes de Vitae, engadindo que os obxectivos deste curso son coñecer o proceso de deseño dunha entrevista condutual estruturada e os elementos que a compoñen, saber aplicar unha entrevista condutual estruturada e a valoración das respostas, aprender a diferenciar as respostas convencionais das respostas condutuais dunha entrevista, e coñecer as estratexias para obter respostas condutuais.
O curso desenvolverase en formato de aula virtual durante 15 horas con clases en directo e acceso ás sesións gravadas para a súa consulta.
Os contidos serán impartidos por Silvia Moscoso, doutora en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e catedrática de Psicoloxía do Traballo na Universidade de Santiago de Compostela. Foi Decana da Facultade de Relacións Laborais desde o ano 2012 ata o 2023. Ten catro sexenios de investigación e un de transferencia do coñecemento. Ademais, publicou máis de cincuenta artigos en revistas de prestixio como o Journal of Personality and Social Psychology, Journal of Applied Psychology, Personnel Psychology, International Journal of Selection and Assessment, European Journal of Work and Organizational Psychology ou o European Journal of Personality.
É co-autora de libros e capítulos de libros publicados en editoriais como Prentice-Hall, Edition dé Organization París, Routlege, Springer, Wiley-Blackwell, Psychology Press, Pirámide, Sainz e Torres. Investigadora principal en varios proxectos de investigación do Plan Nacional de I+D. Experiencia en xestión investigadora, foi coordinadora adxunta da AEI (Axencia Estatal de Investigación) para a área de Psicoloxía entre os anos 2012 e 2015.
Actualmente é editora asociada do Journal of Work and Organizational Psychology e membro do Editorial Board do Journal of Occupational and Organizational Psychology e do International Journal of Selection and Assessment.

PUBLICIDADE