Valve rebaixa por primeira vez a Steam Deck

venres, 17 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Para celebrar a chegada da primavera en Steam celebran rebaixas, con descontos de até o 75%, que permiten facerse con títulos populares a prezos reducidos, como Horizon Zero Dawn a 16,49 euros, Spider-Man Miles Morales a 33,49 euros, God of War a 29,99 euros, The Witcher 3: Wild Hunt a 8,99 euros, Hades a 12,25 euros, Cyberpunk 2077 a 29,99 euros, Red Dead Redemption 2 a 19,79 euros, Star Wars Jedi: Fallen Order a 1,99 euros, Left 4 Dead 2 a 0,97 euros, ou Skyrim a 9,99 euros.
Pero hai unha promoción que está a resultar especialmente rechamante, que é a posibilidade de adquirir a consola portátil Steam Deck de Valve cun 10% de desconto, polo que sería a primeira vez que pode conseguirse rebaixada, o que indicaría que por fin se normalizou o subministro do produto (coincidindo co seu primeiro aniversario).
Concretamente a Steam Deck pode mercarse por 377,10 euros no seu modelo básico con 64 GB de almacenamento eMMC, aínda que resulta moito máis recomendable a compra do modelo con 256 GB de almacenamento NVMe por 494,10 euros ou con 512 GB de almacenamento NVMe por 611,10 euros, contando estas últimas cun almacenamento moi rápido e con estoxo de transporte. O modelo con 512 GB tamén pode presumir dunha pantalla anti-reflexos de grande calidade.
Os que pidan agora algunha destas consolas baseadas en PC poderán recibilas en 1-2 semanas en vez de ter que agardar meses como era o habitual, rematando esta promoción o vindeiro día 23 ás 18:00.

PUBLICIDADE