Twitter permite limitar os chíos a círculos de até 150 usuarios

martes, 3 de maio do 2022 Marcus Fernández

Dende Twitter parecen ter unha teima con reducir o alcance dos chíos de xeito selectivo para poder crear burbullas de comunicacións como nas Comunidades temáticas, e agora volven avanzar na mesma dirección con Twitter Circle, unha nova prestación que permite definir un círculo de até 150 usuarios ao que poder dirixir un chío en concreto para cando se queira compartir algo cunha comunidade reducida.
Os círculos de Twitter inician hoxe as súas probas, de xeito que están dispoñibles para algúns usuarios, de xeito que cando se determine que un chío está dirixido a un círculo en concreto, só os usuarios indicados poderán ver e responder ao chío.
Os usuarios poden modificar os seus círculos cando o desexen, resultando este proceso totalmente alleo ao resto de usuarios, que non saberán cando alguén os engade (ou elimina) dos seus círculos.
Esta función xa se probara a primeiros de ano baixo o nome de Flock, polo que podemos considerar que os círculos son un xeito de levar a prestación ao grande público empregando unha analoxía coa que os usuarios están máis familiarizados (lembremos que Google+ xa organizaba os conxuntos de contactos en círculos).

PUBLICIDADE