Twitter proba Comunidades para fomentar as conversas temáticas

xoves, 9 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Twitter está a probar un novo xeito de comunicarse dentro da súa plataforma dun xeito máis pechado, no que chaman Comunidades, e que podería compararse aos grupos que existen noutras plataformas sociais.
Esta nova funcionalidade, que bota a andar entre usuarios de iOS e da web (chegará en breve a Android) permite que os usuarios poidan unirse a unha Comunidade ao redor dun tema en concreto, para logo poder publicar chíos que teñan como obxectivo ao resto de integrantes da Comunidade, que serán os que poderán unirse á conversa, ou sexa, que aínda que calquera usuario poderá ler o que se publica de xeito temático, só os membros da Comunidade poderán responder aos chíos destinados a ese conxunto de usuarios.
As Comunidades contarán con moderadores, buscando así que os usuarios limiten a súa actividade á temática elixida, aínda que polo momento son moi poucos os usuarios que poderán crear Comunidades, estando previsto que nos vindeiros meses a prestación vaia espallándose xunto con outras características deste xeito de comunicarse que persegue principalmente o fomento de conversas saudables, afastadas da agresividade de certos usuarios que afasta a moita xente de Twitter.

PUBLICIDADE