Tumblr prohibirá os contidos para adultos
martes, 4 de decembro do 2018
Un fallo nos mecanismos de filtrado de imaxes de pornografía
infantil de Tumblr levou
a que Apple retirase a súa aplicación móbil da App Store, e finalmente o célebre
servizo de microblogging opta
por unha solución radical, e muda a súa política de xeito que «a
partires do 17 de decembro non aceptaremos contidos para adultos en Tumblr, con
independencia da túa idade».
Aínda que normalmente ao falarmos de contido
para adultos entendemos a pornografía explícita, nesta ocasión parecen
querer curarse en saúde, e aseguran que considerarían que son así tanto
fotografías como vídeos que amosen xenitais humanos e incluso mamilas femininas.
Como excepcións recoñecen que non vetarán os peitos femininos cando teñan que
ver con nais aleitando aos seus pequenos, en momentos relativos á natalidade ou
á saúde, á vez que continuarían a aceptar os espidos en contextos informativos
e artísticos, aínda que este último criterio sería sumamente obxectivo e, de
feito, xa hai varios usuarios que están a denunciar como as súas fotografías
artísticas están a verse etiquetadas como contido adulto, o que forza que teñan que iniciar procedementos de
apelación cada vez que suben contidos, o que claramente fará que Tumblr non
sexa o espazo tolerante que tiñan até o momento, de xeito que xa
hai quen entende que Tumblr xa non é un bo lugar no que compartir os seus
contidos e dá o salto a outras plataformas para estar en contacto cos seus
seareiros. Até o momento os usuarios de Tumblr podían etiquetar as súas publicacións como explícitas para que só estivesen visibles para usuarios adultos rexistrados, pero este tipo de presenza en Tumblr deixará de ser posible nun par de semanas.