Startup Weekend chega a Galicia en xuño

martes, 11 de maio do 2010 Marcus Fernández

Organizadores do evento

Nos últimos meses son moitos os eventos presenciais que buscan dinamizar o sector das TIC, especialmente promovendo o emprendemento e a creación de sinerxías entre os participantes, o que levou Carlos Granados (Planetapluton.com), Javier Varela (The Orange Market), Iago Soto (Quobis) e María Encinar (Iniciador Galicia) a tomar o relevo galego do Startup Weekend, iniciativa fundada en 2007 por Andrew Hyde que pretende explotar o concepto dunha conferencia enfocada a aprender creando, o que conseguen xuntando a xente con talentos diversos para seleccionar unha idea, desenvolver un produto e lanzar unha empresa dende cero valéndose do networking e o traballo en equipo.
Este programa tense desenvolvido con éxito en máis de 100 cidades de todo o mundo, e tras recalar en Madrid, chega agora a Galicia, máis concretamente a Santiago de Compostela, onde pretenden celebrar o primeiro Startup Weekend Galicia entre os días 4 e 6 de xuño no ITE Caixa Galicia.
A acollida do evento está a ser moi boa, e xa están inscritas distintas persoas interesadas en participar nun evento de carácter emprendedor baseado no desenvolvemento de ideas de negocio que se apoien nas novas tecnoloxías e no traballo en equipo. Os interesados en asistir deberán formalizar a súa inscrición a un prezo especial de 40 euros de facerse antes do 15 de maio, e por 50 euros de facerse despois (e ata completar aforo), incluíndo estas cotas todas as comidas.
Esta interesante iniciativa lánzase predicando co exemplo, pois está presente tanto en Twitter coma en Facebook, plataformas que parecen estar moi ben aproveitadas, pois pese a que estamos ante un evento inédito en Galicia, está a gozar de certa visibilidade.


Vídeo promocional dos eventos Startup Weekend