SIMO abre este martes as portas este 7 de novembro cunha longa listaxe de reclamos

luns, 6 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Como cada ano, e malia que logo de cada edición amoréanse novas dúbidas sobre as cabezas dos visitantes e participantes acerca da comenencia de volver ou non, SIMO volve acaparar unha boa listaxe de titulares de xornais tecnolóxicos e non tecnolóxicos, amosando unha capacidade de autorrecuperación que só se pode chegar a entender polo axiña que esquecemos as cousas malas en beneficio das boas (as bolsiñas rebordantes de agasallos: camisetas, teclados, ratos, xogos, películas, gorras, etc; ). Porque xa se sabe: non hai nada como entrar nun edificio coas mans baleiras e saír del cunha manchea de cousas para limar as posibles asperezas. Disto falamos estes días en Código: en SIMO vai ser posible estes días facerse con dominios .es de balde durante un ano e máis con certificados dixitais emitidos pola Comunidade de Madrid.
Ademais, a comunidade sen fíos FON distribuirá routers de xeito gratuíto a todos aqueles visitantes que se rexistren para poñer en común a súa conexión de Internet.
Por outra banda, Correos vai poñer nas mans dos que pasen polo seu stand unha tarxeta postal personalizada e Microsoft, pola súa parte, regalará axendas na rolda de prensa na que presentará o novo catálogo de xogos e periféricos para a Xbox 360, o mércores 8 ás 11.00 horas.
A Feira Internacional de Informática Multimedia e Comunicacións de Madrid, que se celebra do 7 ó 12 de novembro, tamén contará coas seguintes actividades (onde non podemos asegurar que haxa premio polo simple feito de facer acto de presenza... aínda que no caso de FON xa sabemos que si):
· O proxecto FON vai a SIMO para presentar “a comunidade Wi Fi máis grande do mundo, presente en 144 países de Europa, América, Asia e Oceanía e con 100.000 membros e máis de 25.000 puntos de acceso”.
· Toshiba, que acode á feira para dar a coñecer a tecnoloxía HD DVD e os seus novos reprodutores domésticos que chegarán ó mercado na segunda quincena do mes de novembro (poderemos ver estes dispositivos no salón da alta definición de Toshiba).
· A Asociación Española de Documentación Dixital presenta no pavillón 5 (o día 7 ás 12.00 horas) o Informe sobre a Documentación Dixital en España 2006, un traballo acerca da realidade da xestión de contidos e documentos dixitais nas empresas e nas institucións españolas realizado por María del Valle Palma.
· Business Software Alliance (BSA) organiza o mércores 8 ás 12.30 horas a terceira edición dos Premios Valor do Software, que se lle conceden a “aquelas empresas e institucións que teñan destacado pola súa dimensión e achega social co uso do software legal”.
· No espazo Avanza do Goberno central daranse a coñecer as vantaxes das tecnoloxías nun área de dous mil metros cadrados. Ademais, a administración habilitará outro recinto de 600 metros para informar das utilidades do DNI electrónico e da Rede en xeral como canle de comunicación coas institucións públicas.
· Microsoft, ademais do novo equipamento da Xbox, presentará no pavillón 2 por primeira vez en Europa o seu novo sistema operativo Vista, na súa versión para o eido empresarial, ademais do novo Windows Office.