Recoñecemento a un novo sistema galego para mellorar os coidados aos nosos maiores vía TIC

venres, 23 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

As novas tecnoloxías da comunicación e do coñecemento, xa o dixemos máis veces, teñen un amplo potencial de uso e de calidade de vida para as persoas dependentes. Isto, tendo en conta cuestións como o envellecemento da poboación, cobra especial relevancia. O sector TIC galego, tanto empresas como centros de investigación, leva tempo traballando arreo na cuestión. Por exemplo, as achegas do Grupo RNASA-IMEDIR da Universidade da Coruña ou do Grupo de Investigación en Xerontoloxía, tamén da UDC. Esta e outras tecnoloxías diríxense en boa medida a asegurar que as persoas maiores que teñen que vivir soas, todo o día ou parte da xornada, poidan facelo coa seguridade de estar en contacto coa familia ou cos profesionais que coidan da súa saúde. Cara a favorecer a máxima conexión e seguridade é cara a onde se dirixe o traballo de Iván Gómez, que vén de obter o Premio Marine Inova 2012.
Este galardón, impulsado polas empresas Marine Instruments e Inova Consultores en colaboración co Campus do Mar, recoñeceu o esforzo de Iván a prol de desenvolver un sistema de recoñecemento de accións humanas mediante visión artificial que permita facer un seguimento das persoas e, por exemplo, facer unha chamada a emerxencias en caso de producirse unha caída. O premio, dotado de 3.000 euros e a posibilidade dunha bolsa para seguir desenvolvendo o proxecto, encamíñase, segundo apunta a Universidade de Vigo, a “dinamizar a excelencia, fomentar a innovación tecnolóxica e apoiar o espírito emprendedor do alumnado contando coa “complicidade de empresas privadas que tamén buscan crear oportunidades para reter ao noso talento”.
Os factores determinantes para a obtención deste recoñecemento foron os seguintes: a orixinalidade, o desenvolvemento tecnolóxico, a eficiencia do deseño e a innovación do desenvolvemento de Iván Gómez. O proxecto deste enxeñeiro informático de 27 anos, engade a Universidade de Vigo, xurdiu coa finalidade de fornecer á sociedade dun sistema que fose quen de analizar a información recadada a través de vídeo ou de outro tipo de sensores para poder facer un seguimento e incluso unha previsión das accións e comportamentos das persoas. “Todo mantendo a privacidade dos suxeitos”, engade a institución viguesa, “xa que se trata dunha técnica non invasiva na que o sistema procesa as imaxes, analízaas e destrúeas sen gardar ao acabar”. Segundo salientou o propio Iván, “o mellor de todo isto é a tecnoloxía xerada, que ten unha transversalidade moi grande que se pode aplicar a campos como a bioloxía”.

PUBLICIDADE