Recoñecemento a un proxecto galego que permite o acceso ás TIC das persoas con lesión medular

luns, 16 de abril do 2012 Redacción

Membros do grupo da UDC nunha imaxe publicada na web da Asociación Española Contra o Cancro, AECC

A nova investigación tecnolóxica segue a bo ritmo, e os recoñecementos nacionais e internacionais así nolo recordan. De investigación galega e de recoñecementos é do que nos fala este luns a Universidade da Coruña, que é onde se insire un equipo de I+D centrado en tirar partido das posibilidades das novas tecnoloxías, as TIC, para mellorar a calidade de vida das persoas dependentes. Pois ben, o equipo en cuestión é o Grupo RNASA-IMEDIR, responsábel dunha ferramenta que facilita o acceso ao computador de persoas con lesión medular. A ferramenta, desenvolvida polo equipo galego en colaboración coa Unidade de Lesión Medular do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, foi recoñecida cun galardón pola Fundació Agrupació Mútua de Barcelona.
A distinción inclúe unha contía de 15.000 euros e foi concedida ao grupo polo seu traballo no desenvolvemento de contornos e aplicacións informáticas accesibles especialmente deseñadas para persoas con diversidades funcionais. En concreto, a investigación deste equipo permitirá ás persoas afectadas por lesión medular alta dispoñer dunha importante ferramenta que facilitará o seu acceso ao ordenador e por tanto a súa participación social.
O grupo RNASA-IMEDIR, dirixido polo catedrático Alejandro Pazos Sierra, xurdiu no ano 1989 co obxecto de levar a cabo traballos e proxectos de investigación relacionados coa Intelixencia Artificial, especialmente na Área de Sistemas Conexionistas, aplicando as Redes de Neuronas Artificiais á resolución de problemas complexos do mundo real, e abarcando, sobre todo, a área da medicina.

PUBLICIDADE