Polos nosos nomes nos coñeceredes

venres, 5 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Ficha dos datos do informante

O Proxecto Toponimia de Galicia, que está a ser desenvolvido pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, é unha iniciativa situada nun punto equidistante entre o etnográfico, o xeográfico e o tecnolóxico. Os seus obxectivos, malia todo, son ben claros: contribuír a coñecernos mellor e a preservar a nosa identidade a través da miúda e exhaustiva recompilación dos nomes de lugar para logo poñelos á disposición da sociedade enteira na Internet. É, por tanto, un proxecto que camiña contra reloxo, posto que ten que loitar contra dúas grandes bestas negras en Galicia: o despoboamento de amplas zonas do rural (que comporta a perda definitiva de fontes de información) e a modernización intensiva de áreas urbanas, onde, en máis ocasións das que sería desexable, se substitúen carballeiras centenarias por eucaliptais, penedos por formigón ou aldeas por complexos residenciais con nomes que pouco teñen que ver con Galicia (Compostela Beach, Chula Vista, Mar y Cielo, Las Acacias...). En Código Cero tivemos a sorte de pasar unha mañá co equipo responsable desta iniciativa. Aquí tedes as nosas impresións.
Hai momentos na vida dun xornalista en que lle é complicado marcar a distancia cun tema concreto a desenvolver, da mesma maneira que un médico pode acabar implicándose de máis cun doente, ou un avogado cunha causa. Esta introdución-manifesto serve, entre outras cousas, para pór sobre aviso os lectores: non penso ser obxectivo, ou, polo menos, non da maneira en que adoitan ser obxectivos os xornalistas, poñendo valoracións en boca doutros (pero facendo valoracións á fin de contas). Sexa como sexa, pido que non se me teña moi en conta se en máis dun parágrafo fago coma os amigos cando teñen que falar en público dos seus amigos. Finalmente, ninguén me vai levar preso por iso.
Ou si?

O equipo de Proxecto Toponimia de Galicia

Foto de traballo de campo onde se sinala con número cada topónimo e a súa área de influencia

Na miña visita ás dependencias que o Servizo de Información Territorial de Galicia (SITGA) ten na Barcia (na estrada Santiago-Noia), puiden falar cunha boa parte do equipo que está a desenvolver o Proxecto Toponimia de Galicia, á sombra, precisamente, da Comisión de Toponimia. A cuestión do Proxecto levoume alí por tratarse, primeiramente, dunha iniciativa tecnolóxica e, en segundo lugar, por ser unha tarefa de posta en valor e preservación da nosa identidade, que respira nos nomes de lugar (ao final decateime da comenencia de ter invertido as prioridades: foi o valor etnográfico e cultural do proxecto o que me guiou até alí e o tecnolóxico era, por así dicilo, a coartada). A miña primeira conclusión foi a seguinte: o equipo do proxecto sente verdadeira paixón polo que fai. En case todo o que comentan pode rastrexarse a crenza de que están a facer algo importante, e ao meu xuízo non lles falta razón. O grupo está constituído por xente de diversas procedencias profesionais. Por unha banda, consta de sete persoas facendo labores de campo, que consisten en ir concello por concello e casa por casa recompilando información. Logo, ordenando datos e preparando a información para as fotografías (onde se sitúan xeograficamente eses datos toponímicos e a súa área de influencia) temos oito persoas máis. Ademais deste equipo fixo, hai persoal indirecto nos concellos apoiando o proxecto e particulares e colectivos de veciños botando unha man en todo o que se poida. Sexa como sexa, a iniciativa xa ten seis anos e é lóxico supoñer que por ela pasaron moitas mans. Creo que é xusto facer mención dos preto de 120 técnicos de campo que traballaron por ela ao longo deste tempo, a maior parte deles procedentes do plan Labora e contratados polos concellos.

En que consiste o traballo de campo?

O O traballo de campo consiste en non deixar penedo, regato, agro, leira ou fonte sen documentar (sempre e cando teñan nome). Xa non se trata de rexistrar nomes de aldeas ou mesmo de casais (iso xa está feito): os traballadores de campo teñen liberdade para ser o máis exhaustivos posibles. Por tanto, trátase de tomar nota dun patrimonio de nomes que semella non ter límite e estar sempre vivo e disposto a achegar nova información. Con este fin, inclúese unha ficha cunha serie de recadros baleiros que se cubrirán con datos sobre o concello, a parroquia, o informante, a fonética do topónimo, as posibles variantes ou a natureza do lugar ou espazo a que alude o topónimo (entidades humanas, accidentes terrestres, etc). As fichas tamén inclúen un apartado de observacións xerais, onde se dá marxe para estenderse en cuestións como a etimoloxía popular. Logo desta tarefa de recompilación, que poderá ser máis ou menos dificultosa dependendo de se se traballa en zonas rurais poboadas (máis ardua) ou no monte (menos difícil por estar en menor medida nomeado), faise figurar a información en fotos aéreas (ortofotos), onde o persoal anota os nomes de lugar por números cunha serie de liñas ao seu arredor que delimitan a área de influencia. Cómpre salientar que previamente cada topónimo é obxecto dun proceso de depuración por parte da Ponencia de Estudos da Comisión de Toponimia, posto que non se poden rexistrar en bruto, suxeitos como están a posibles variantes. Esta é unha das partes principais do traballo, a normalización, xa que hai ter en conta que se teñen dado casos coma o dunha zona concreta de Arteixo, onde se atoparon até 21 variantes dun mesmo nome de lugar. Ou sexa: practicamente cada familia designaba unha mesma cousa dun xeito diferente.

Para que serve a recompilación de nomes de lugar?

O valor dos topónimos, como me lembrou o equipo da Comisión (practicamente cada membro presente sacou a relucir un valor concreto), é múltiple. Por unha banda, temos o valor do mero feito de localizar as cousas e rexistralas para logo atopalas de xeito máis rápido e eficaz. Isto semella especialmente importante en situacións de emerxencia. Por exemplo: cando un helicóptero anda na procura dunha persoa perdida ou accidentada. Por outra banda, o propio labor dos historiadores, filólogos ou mesmo mestres e escritores precisa estar en contacto directo cunha fonte segura de nomes de lugar. “O estudo dos topónimos abre portas”, comentou Xermán García Cancela, secretario da Comisión, durante a visita ao SITGA, “e é especialmente útil para saber de onde vimos, que orixe temos e se contamos de certo cun pasado celta ou non, por exemplo”. Ademais, todos os integrantes do equipo cos que tivemos ocasión de falar coincidiron neste punto: o estudo da toponimia e a súa posta en valor na rede serve amais para sensibilizar. Esta palabra, que leva anos perdendo lustre a forza de ser usada en calquera ocasión polos políticos, fai referencia directa á necesidade de recuperar o que é propio para defendernos do que non o é. É dicir: defender que unha urbanización leve o nome do sitio no que se edifica (nomeado así por ducias de xeracións de galegos e galegas ao longo dos séculos) no canto do que lle pete á empresa inmobiliaria. Dito doutro xeito, e con independencia de que sexamos nacionalistas galegos ou non: é normal que un complexo residencial se chame en Galicia Costa do Levante podendo chamarse A Aira das Moreiras, por pór un exemplo?

Á xente gústalle participar

Non é complicado imaxinar que un proxecto coma este poida atopar un nivel alto de colaboración por parte dos concellos e dos veciños. Segundo puidemos saber e malia algúns casos puntuais de desconfianza (xeralmente inicial), as nosas primeiras sospeitas acharon confirmación: á xente gústalle falar e achegar información útil no que se refire ao traballo de campo. Mais deixemos que sexa un dos técnicos que coordina os traballos de campo, Vicente Feijoo, quen nolo explique: “Nun principio, aos veciños encántalles facilitarnos esta información. Hai que ter en conta que se lle está a dar valor ao seu coñecemento, unha sabedoría que teñen sobre todo as persoas maiores e que durante moitos anos non foi recoñecida abondo. O feito de acudir a eles é unha das bases deste traballo, sen eles apenas hai proxecto, e iso fai que se sintan valorados”. O outro responsable de coordinar os traballos de campo, Óscar Castro, corrobora estas afirmacións.

Iniciativa contra reloxo: que pasará cando a Galicia rural quede despoboada?

O equipo do Proxecto Toponimia ten algúns “inimigos” que fan que o seu traballo sexa, por dicilo dalgún xeito, un traballo contra reloxo. É dicir: no proceso de desmemoria e de degradación da nosa natureza e do noso patrimonio cultural, Galicia (e xa que falamos dende un medio de comunicación de novas tecnoloxías) é coma unha gran base de datos que paseniño pero sen pausa vai sendo testemuña da perda dos seus arquivos, das súas propias lembranzas. E todo isto por mor de dúas bestas negras que actúan ironicamente dende extremos opostos: por unha banda, o despoboamento imparable de extensas zonas rurais das catro provincias (sobre todo Ourense e Lugo) con toda a perda irreparable de información que iso comporta; pola outra, o proceso de urbanización e industrialización intensiva doutras zonas. Por tanto, é natural supoñer que hai unha boa listaxe de concellos de Galicia onde o traballo da Comisión é especialmente necesario (de feito, durante a visita á sede de traballo comentáronme que había moi pouco que recibiran un chamado urxente do alcalde da Fonsagrada, preocupado polo despoboamento que está a sufrir o municipio e pola perda irremprazable de riqueza toponímica que ese proceso demográfico levará consigo).

Galicia ten unha media de 40 topónimos por quilómetros cadrado

Foto aérea dixitalizada con nomes de lugar

O pobo galego, tan intimamente cinguido durante séculos á súa terra, foi especialmente prolífico e xeneroso no que se refire a poñerlle nomes aos lugares onde nacía, medraba e logo morría. O labor de rexistro de toponimia en Galicia é probablemente máis arduo ca en calquera outro recuncho da Península. Neste senso, a Comisión ten establecida unha media sobre o número de topónimos rexistrados por quilómetro cadrado: 40. Esta cifra, como é de supoñer, vén sendo relativa, posto que non é o mesmo elaborar rexistros nas aldeas rodeadas de agros ca nos montes. Sexa como sexa, hai zonas especialmente ricas, como por exemplo Oia, onde os mapas acaban literalmente comestos polos números referidos aos nomes de lugar. Por certo que na costa galega a Comisión documenta até o que está alén da beira do mar: até as leiras que os mariscadores teñen nas mesmas rías!

O remate do traballo? Cando e como estarán os resultados na Internet?

En realidade, o proxecto non ten fin. A toponimia é algo aberto e vivo, como sinala o equipo da Comisión, un equipo que, a diferenza doutros moitos que poden escribir a derradeira liña e marchar, tense que afacer á idea de que nas súas mans teñen o que ben se podería denominar “a historia interminable”. Sexa como sexa, si que se contempla un período necesario de traballo de campo antes de amosar integramente os resultados na Internet: un prazo de cinco ou seis anos. Ao mesmo tempo, a medida que se teñan concellos ben cubertos faranse presentacións da información xerada en papel, co fin de que circule entre os veciños e estes fagan labores de supervisión. “A idea é que en canto estea lista a aplicación informática que está a desenvolver o equipo do SITGA, dentro duns meses, poidamos habilitar na rede parte dos datos”, comenta Berta Román, unha das responsables do proxecto no SITGA. E engade: “Unha vez rematada, poderemos ver na web mapas aéreos de Galicia cos seus correspondentes topónimos, que incluirán todo tipo de datos listos para seren visualizados, como o estado actual do espazo que designan, a etimoloxía ou a fonética”. Cómpre dicir que esta información ficará dispoñible en diferentes versións, segundo nos fixo saber o equipo. Así, haberá unha moi exhaustiva e completa para os profesionais e os concellos e outra de uso máis doado para o gran público en xeral. As novas tecnoloxías van permitir o milagre, pois, como nos explica Sonia Santos, técnica do proxecto, “se non existisen as novas ferramentas da información poderiamos contar con estes datos igualmente e preservalos, pero cunha accesibilidade moito menor e sen as vantaxes de poder velo todo nunha foto aérea, perfectamente localizado”.

Os emigrantes, especialmente interesados

De entre todos os usuarios potenciais das fontes de información que achegue en breve a Comisión, os galegos e galegas que viven lonxe dos vales, carreiros, aldeas e casais que nomeaban na súa mocidade semellan estar especialmente interesados no proxecto. A Rede vailles permitir amosar os nomes dos lugares da súa nai terra a fillos e netos, e o privilexio de poder facelo dende calquera recuncho do mundo é algo que cómpre ser tido en conta como unha das grandes vantaxes da Sociedade da Información. Trátase de poñer de novo en valor o vello grazas ao novo (as novas tecnoloxías), e isto sábeno ben os emigrantes que chaman a cotío ás dependencias da Barcia para interesarse polo estado do proxecto. “Para cando estará accesible?” preguntan, se cadra movidos pola morriña ou se cadra dotados desa intelixencia que achega a (moita) distancia e que ten que ver directamente co feito de aprender a valorar o bo, mais cando xa non se ten.

Dirección do Proxecto
· Xermán García Cancela (secretario da Comisión de Toponimia da Xunta)
· Manuel Gallego Priego (xefe da Área do SITGA)
· Berta Román Díaz (xestións do proxecto)

Membros da Ponencia de Estudos da Comisión de Toponimia
· Antón Santamarina
· Gonzalo Navaza
· Elixio Rivas
· Luz Méndez
· Antón Palacio

Persoal de gabinete no SITGA
· Óscar Castro Castedo (coordinador traballos campo do PTG- Zona Norte de Galicia)
· Vicente Feijoo Ares (coordinador traballos campo do PTG- Zona Sur de Galicia)
· Sonia Santos Ferreirós (técnica de gabinete que traballa coa Comisión)
· Susana Silva Martínez (técnica de gabinete que traballa coa Comisión)
· Laura Sar Pose (técnica de gabinete)
· Raquel Fernández-Noriega Eiroá (técnica de gabinete)
· Raquel Oubiña Vázquez (técnica de gabinete)
· Irene García Tasende (operadora SIX)
· Roberto López Casal (operador SIX)
· Inma Serantes Durán (aplicacións informáticas do proxecto)

Persoal que traballa actualmente en campo a cargo do Proxecto.
· Rosa Dolores Santos Calo
· María Cernadas Figueiras
· Antonio Bidueiro Rodríguez
· José Ramón López Boullón
· María Dolores Ferro Diz
· Alba González Prieto
· José Antonio Formoso Lado Ficha dos datos do informante

PUBLICIDADE