Pecha o estudio español Tequila Works

xoves, 20 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Tequila Works, o estudio responsable dos dous xogos españois máis vendidos da historia (Deadlight e RiME), levaba uns meses en concurso de acredores tras a dimisión dos seus fundadores, e agora é un deles, Raúl Rubio Munárriz, quen confirma a través de LinkedIn que tras quince anos Tequila Works pecha definitivamente.
Deste xeito dicimos adeus a un grande estudio que tamén produciu grandes xogos como The Sexy Brutale, GYLT e o recente Son of Nunu: A League of Legends Story, deixando claro que grandes producións non garanten a supervivencia dun estudio, aínda que nesta ocasión o principal problema parece ser a dependencia económica da chinesa Tencent, que está a reducir o seu investimento na industria dos videoxogos, arrasando compañías nas que participaba polo camiño.
Dado que en Tequila Works traballaban moitos profesionais de grande peso na industria, confíase en que deste fracaso empresarial poidan xurdir outros proxectos prometedores que desenvolvan grandes xogos como os que crearon nos últimos anos.