Código Cero, Vide Vide e Creativas Galegas, Premios Manuel Beiras 2021
luns, 20 de decembro do 2021
A
Cámara de Comercio e o Concello de Santiago entregaron este 20 de
decembro os galardóns da XXII Edición dos Premios Manuel Beiras.
Fixérono no Teatro Principal, nunha gala que comezou ás 20.00
horas. Os premios foron dar a Vide Vide, Creativas Galegas e á
empresa responsábel deste medio tecnolóxico, o Grupo Código Cero
Comunicación. Os galardóns entréganse dende o ano 2000 e teñen o
obxectivo de visualizar, recoñecer e reivindicar as empresas que
empregan decote o galego nas súas comunicacións.
A
gala foi conducida polo actor, guionista e monologuista Federico
Pérez. Asistiron o vicepresidente da Cámara de Comercio de
Santiago, Jorge Lorenzo; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez
Bugallo; a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización
Lingüística, María Elvira Casal García; o presidente do xurado
dos Premios Manuel Beiras deste ano, Xabier Freire; así coma o
concelleiro de Política Lingüística, Rubén Prol, e Maria Pais,
vogal do Comité Executivo da Cámara de Comercio.
Ademais,
contouse coa participación dos representantes da Familia Beiras, do
presidente do Consello Económico e Social, Agustín Hernández; a
directora de competitividade de Turismo de Galicia, María Baleato; o
director xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro; o presidente
da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira; e os
representantes do Pleno da Cámara de Comercio de Santiago e dos
grupos municipais de Santiago.
O
xurado, un ano máis, estivo composto por representantes da Cámara
de Comercio de Santiago, do Concello, ademais da Secretaría Xeral de
Política Lingüística, da Universidade de Santiago, do Colexio
Oficial de Xornalistas, da Mesa pola Normalización Lingüística, da
Unión de Consumidores de Galicia, e os representantes de cada unha
das empresas premiadas na edición anterior: Moksin, Dinahosting e
Revista Pincha.
Premiados
Na categoría de empresas cun uso continuado do galego obtivo o premio a tenda de viños Vide Vide!!. O xurado valorou “ser un espazo comercial para quen sabe de viño e para quen non, onde mercar, valorar e aprender van da man para, coa calidade do produto como punto de partida e a nosa lingua como vehículo, viaxar pola xeografía e pola historia deste país”.
Na categoría de nova incorporación ao galego o recoñecemento recaeu na empresa Creativas Galegas, por ser “unha aposta en feminino por abrir no corazón da Cidade Histórica unha ventá á creatividade máis orixinal e auténtica, que brilla no contexto de monocultivo estandarizado e gaña aínda maior valor ao se presentar orgullosa da nosa lingua e da nosa cultura”.
O xurado acordou tamén conceder o Premio Manuel Beiras á innovación no uso do galego 2021 a Código Cero, despois “de levar vinte anos dando conta das innovacións no sector TIC, interconectando o tecido empresarial vinculado a el e chegando a miles de persoas cada día é unha impagable contribución a que a nosa lingua estea na vangarda”.
Distinción de Acisclo Manzano
Os
galardoados recibiron unha distinción consistente nunha escultura
creada polo artista Acisclo Manzano. Poderán amosar nos seus
establecementos a posesión deste premio como unha garantía máis de
que respectan o idioma galego. O nome dos Premios Manuel Beiras é
unha homenaxe a este galeguista por ser exemplo de comerciante
comprometido con Compostela, con Galicia, a cultura e a lingua.
Maria
Pais, vogal do comité executivo da Cámara de Comercio destacou “que
todas as empresas que participan ano a ano neste certame fan que o
noso idioma sexa unha aposta real”, e ademais “unha aposta
segura”. Ademais lembrou que “Cámara e Concello iniciamos esta
andaina de colaboración con humildade e ilusión e comprometéndonos
coa estabilidade e continuidade do premio: mostra de que a lingua é
cousa de todos e todas, sen partidismos ou outro tipo de sectarismos.
A lingua no sector empresarial, tan ou máis fundamental ca outros
dos que se fala moito máis e nos que parece que é o natural. As
empresas son emprego, son poder económico, son, polo tanto, un mundo
ao que aspiramos que, se funciona en galego, tirará das escolas, da
universidades, das familias e da sociedade en xeral”.
Pola
súa banda, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, felicitou
os premiados e premiadas e amosouse moi satisfeito pola consolidación
dun galardón que xa conta con trinta e dous anos de vida. “Esta
longa e exitosa traxectoria significa que cada vez máis empresas
compostelás conciben o idioma galego como un valor engadido”,
dixo. Na mesma liña expresouse o edil de Política Lingüística,
Rubén Prol, que engadiu que “a sociedade compostelá non só
acepta senón mesmo demanda, e desde logo valora, que as empresas
empreguen o galego no seu rotulado, na publicidade ou en calquera
outra manifestación”.
Momento no que se fai entrega do premio ao director de Código Cero, Xosé María Fernández Pazos