Os asistentes ás xornadas de software libre de Igalia coinciden na necesidade de acadar máis apoio institucional

xoves, 23 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Coincidindo cos días previos á celebración do Día Mundial da Liberdade do Software (o 18 de setembro) a empresa galega Igalia levou a cabo unha serie de actividades sobre o papel que pode xogar a programación aberta no noso desenvolvemento social, produtivo e informativo. As actividades, que formaron parte do programa formativo do Máster en Software Libre que promove a firma galega, estendéronse no tempo 3 semanas e tiveron á cidade da Coruña como sede de operacións. Segundo sinala Igalia, participaron nelas os principais actores da comunidade galega de software libre, procedentes tanto do eido empresarial como das diversas asociacións e institucións públicas implicadas. Todos coincidiron na necesidade de conseguir que as administracións fagan un meirande esforzo a prol do noso software libre, co fin de evitar entre outras cousas a fuga de coñecemento.
A listaxe de actividades incluídas neste evento, en palabras de Igalia “unha experiencia moi satisfactoria e completa”, abrangueu charlas, obradoiros técnicos e mesas redondas que contaron coa presenza de antigos alumnos do máster co fin de compartir os seus propios coñecementos sobre a materia.
O abano temático destes debates foi tamén do máis completo, e tratáronse polo miúdo cuestións como as posibilidades de participar no mercado internacional con software libre (sobre o que precisamente debateron Andrés Estévez, de Blusens, Javier Jardón, de Gnome Foundation, Pablo Sangiao, de Icarto e Juan José Sánchez Penas, de Igalia) ou a presenza de programación aberta na nosa sociedade en comparación con outras (tema que foi debatido en detalle por David Pardo, socio de Corunet, Luis Fernández, xerente de AGASOL, Roberto Brenlla, socio de Tegnix e Roberto Vieito, técnico da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial). Esta mesa redonda, moderada por Xavier Castaño (da empresa Igalia), desenvolveuse de xeito que os asistentes puidesen intervir en calquera intre, achegando un fluxo de ideas sempre en movemento e evitándose o típico formato de charla.
Un dos temas dos que máis se falou nos debates, informa Igalia, e no que houbo un acordo unánime, “foi a necesidade de que a administración apostase por tecnoloxías baseadas en software libre para desenvolver un tecido TIC local potente e evitar a fuga de capital e de coñecemento, habitual cando se implantan solucións propietarias”.
A este respecto, tódolos asistentes coincidiron na necesidade de levar a cabo esta migración tecnolóxica de xeito gradual, para non forzar aos funcionarios que xa están afeitos a unhas ferramentas e tecnoloxías determinadas. Con todo, afondaron nas vantaxes que o uso destas tecnoloxías abertas lles achegaría e este e outros contornos de traballo, en boa medida grazas a actuaren como chave básica para a transferencia de coñecemento e para unha mellor integración entre as distintas administracións.
Outro dos temas que se salientaron nos debates foi a análise das empresas galegas que centran a súa actividade no software libre, representadas pola asociación AGASOL, con unha facturación total de 18M € e empregando a máis de 300 persoas. Desta forma, apunta Igalia a respecto das xornadas, séguese o vieiro de Estremadura e Andalucía, e dase exemplo a outras comunidades que están a considerar o cambio de modelo.
Finalmente, os asistentes concluíron que o carácter global do movemento de software libre, con comunidades tecnolóxicas en todo o mundo, “favorece a internacionalización das empresas galegas e por extensión, a exportación de coñecemento e experiencia ao resto do eido internacional”. Tamén se salientou a vantaxe idiomática en mercados lusófonos e latinos, “aínda que si se recoñece a barreira que aínda hoxe representa o inglés para moitas das empresas galegas”, conclúe Igalia.