O xogo na nube intégrase en Xbox Game Pass Ultimate

martes, 15 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Durante o verán os usuarios de Xbox One puideron gozar do xogo na nube de Microsoft en probas dende os seus dispositivos con Android, e hoxe mesmo complétase a transición entre este servizo en beta e un servizo de pagamento incluído dentro de Xbox Game Pass Ultimate. Deste xeito pasamos de Project xCloud ao novo Cloud Gaming, que xa non precisa dunha aplicación independente, senón que está integrado na aplicación móbil de Game Pass.
O servizo de xogo na nube chega a 22 países (entre os que está incluído España) cun catálogo inicial de máis de 150 xogos entre os que hai dende xogos de primeira fila de Microsoft até títulos independentes para os que algúns poderán dar unha oportunidade non só diante da consola, senón tamén na pantalla do smartphone ou tableta.
O Cloud Gaming busca ser unha opción alternativa ao xogo no salón da casa, ou sexa, que cando unha persoa non poida gozar dunha boa sesión de xogo no televisor máis grande da casa, teña unha alternativa moi práctica, que incluso pode aproveitarse cando se está fóra do fogar, sempre que contemos cunha boa conexión á Rede.
Para gozar deste novo servizo existen numerosos accesorios que engaden un sistema de control digno aos dispositivos con Android, aínda que o máis recomendable é empregar un mando de Xbox One S ou X enlazado aos dispositivo móbil (existindo incluso pinzas para colocar o móbil sobre o mando).
Actualmente o xogo na nube inclúe títulos como Battletoads, Crackdown 3, Destiny 2, F1 2019, Farming Simulator 17, Forza Horizon 4, Gears of War 5, Halo 5: Guardians, Hellblade: Senua’s Sacrifice, Mortal Kombat X, NieR:Automata, The Witcher 3 e moitos outros aos que no Nadal sumaranse tamén xogos de Electronic Arts (xa que EA Play integrarase no Game Pass).

PUBLICIDADE