O vindeiro luns estrearase oficialmente o divertido xogo galego para Android Colours

venres, 16 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

O novo xogo do estudio galego AxouxereGames, Colours, que iniciou a súa beta pública hai pouco máis dun mes, lanzarase oficialmente o vindeiro luns, estando xa dispoñible en Google Play a súa beta final, que podemos descargar de balde para así gozar deste divertido quebracabezas.
Este título, aparte de dispor de Antonio Gundín como programador e Adrián Rodríguez como deseñador gráfico, contou tamén coa colaboración do compositor de música Chimo Echeverría, o especialista en mecánicas de xogo Carlos Tomé e os tradutores multimedia José Manuel Muras, Bego Lavale, Jenny Gundín e Jesús Iglesias. O xogo está xa en galego, español e inglés e proximamente tamén estará en alemán e xaponés.
Colours estrearase como un xogo para Android que conta de dous frenéticos modos de xogo baseados en realizar combinacións de 2, 3 ou 4 cores iguais dun panel de 3 x 4 elementos. No modo Acumula puntos teremos que realizar contrarreloxo combinacións de 2 a 4 cores, gañando tempo con cada combinación correcta e podendo desbloquear especiais ao combinar 4 cores (os especiais son botóns que poden activarse tras premer un mínimo de 2 cores iguais). Os erros restan tempo e o xogo remata cando se esgota o tempo, de xeito que o reto e facer a meirande parte de puntos posible.
O modo Apágao, en cambio, consiste en facer combinacións e especiais mentres se van acendendo lámpadas de distintas cores, rematando a partida de iluminarse todas as cores do taboleiro. Unha simple modificación da mecánica do xogo que permite que percibamos a acción doutro xeito, enriquecendo a experiencia como agardamos que tamén farán novos modos de xogo que chegarán máis adiante.

PUBLICIDADE