Hades II estrea o seu acceso anticipado

luns, 6 de maio do 2024 Marcus Fernández

O xogo Hades leva colleitando éxitos varios anos, chegando as súas últimas versións no mes de marzo, cando aterrou no iPhone e no iPad da man de Netflix, e agora, tras máis de 3 anos en desenvolvemento, chega a súa secuela en acceso anticipado a Stream e á tenda de Epic Games, onde podemos mercar esta versión en desenvolvemento de Hades II por 28,99 euros.
Estamos ante a primeira ocasión na que Supergiant Games se embarca nunha secuela, recollendo os elementos de rogue-like de Hades e ofrecendo unha experiencia totalmente nova, chea de acción e coa rexogabilidade propia do seu xénero.
Desta volta encarnaremos a Melínoe, princesa do inframundo, que coa axuda do Olimpo terá que derrotar ás forzas do titán Cronos, nunha historia conmovedora. A protagonista contará con armas lendarias rodeadas de maxia ancestral e tamén contará coas beizóns de máis dunha ducia de deuses do Olimpo, para así derrotar aos numerosos inimigos que xurdirán no seu camiño.
Este título deseñouse dende o primeiro momento coa intención de ofrecerse inicialmente ao público mediante acceso anticipado, de xeito que os máis partidarios deste tipo de xogos poderán participar na súa evolución, contribuíndo tamén a que o xogo vaia incorporando as suxestións dos xogadores segundo avanza até a súa versión final.
Aínda non está fixada a data de lanzamento do xogo completo pero, como mínimo, o acceso anticipado durará até o remate do presente ano, dando así tempo aos seus creadores para ir engadindo o contido que teñen previsto.

Tráiler do acceso anticipado a Hades II

PUBLICIDADE