O proxecto Destino Emprego de AGESTIC contribuíu á inserción laboral de 312 mulleres galegas

venres, 21 de decembro do 2012 Redacción

AGESTIC e a Asociación ÍDEM de Cantabria, coa colaboración de AFAMMER Galicia e o apoio da CEL, presentaron na sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), os resultados finais do proxecto Destino Emprego. Aprobado polo Plan Avanza do Ministerio de Industria, Destino Emprego foi unha achega promovida polas devanditas entidades que, apostando polos servizos dixitais dispoñibles na Rede, expuña un itinerario en liña en forma de mapa de metro para fomentar e mellorar o emprego, o autoemprego e o espírito empresarial das mulleres residentes na nosa terra. A través de dous itinerarios dixitais (emprego e autoemprego) con feitura de liña de metro, desenvolvidos entre abril e outubro de 2012, 565 mulleres (502 en emprego e 63 en autoemprego) melloraron as súas oportunidades para atopar emprego ou crearon a súa propia empresa, informa AGESTIC.
No itinerario emprego achegóuselles asesoramento e seguimento personalizado en cuestións como identidade dixital (reputación en liña, blogs, etc), redes sociais (xerais e de tipo profesional), portais de emprego (consellos e técnicas sobre como tirarlles proveito), servizos dixitais públicos (orientados á inserción laboral), simuladores de ofertas de traballo, itinerarios de inserción de tipo personalizado, etc.
Polo que respecta aos logros obtidos, dicir que acadouse un aumento do 83,45 % no uso de redes sociais xerais e profesionais (especializadas e para o emprego), a creación e/ou mellora substancial da identidade dixital e máis a introdución integral aos servizos públicos en liña de emprego. “Das 502 participantes”, informaron as entidades responsables da iniciativa, “157 atoparon unha ocupación laboral directamente grazas ao proxecto, 143 atoparon emprego indirectamente e todas melloraron as súas oportunidades de atopar un posto de traballo”.
Por lugares, as mulleres que concorreron nesta vertente do proxecto procedían de Lugo (40,54%), A Coruña (28,53%), Pontevedra (15,62%) e Ourense (13,21%). A maior parte delas tiñan máis de 41 anos.
Polo que respecta ao itinerario autoemprego, dicir que se lles achegou titorización e seguimento nas seguintes áreas:
Idea de negocio
Plan de negocio
Mercadotecnia
Recursos humanos
Financiamento
Empresa dixital: Factura electrónica, DNI dixital, certificado dixital.
Posta en marcha da empresa
Conseguiuse, en base a este roteiro, un aumento do 61 % no uso de redes sociais xerais e profesionais (especializadas e para o emprego) e unha formación integral sobre servizos en liña para a busca de traballo. Asemade, das 63 participantes, 51 proxectos/ideas de negocio foron autorizadas e 12 creadas a través do proxecto. Amais disto, todas as mulleres que concorreron no itinerario melloraron os seus coñecementos para dar forma á súa propia empresa.
As ideas de negocio asesoradas e/ou levadas á práctica abrangueron tódolos sectores. Aquí van uns cantos exemplos:
· Serea de Sálvora: venda e distribución ambulante de peixe e marisco fresco a domicilio.
· Agricultura ecolóxica zona Ancares.
· Imos nós, outsourcing online.
· Servizos e tenda online relacionados co lecer.
· Comisaría independente de arte contemporánea ou unha galería de arte.
· Venda e promoción de produtos gastronómicos relacionados coas denominacións de orixe protexidas de Galicia.
· Coaching cultural e fomento da aprendizaxe de idiomas.
· Venda de repostaría caseira en liña a particulares.
· Café cultural e tecnolóxico.
· Estudo de deseño gráfico
· Creación e mantemento de páxinas web.
· Portal formativo estudio de arquitectura.
· Consultoría de recursos humanos.
· Venda en liña de materiais para gandaría, veterinaria e perruquería canina
· Axencia - gabinete de comunicación internacional
· Buykatoo pet’’s vip boutique: perruquería canina e servizos para animais
Aplicación en Cantabria
Visto “o éxito do proxecto e o seu potencial de transferencia”, informa AGESTIC, cederase para o seu uso en Cantabria, onde será integrado e desenvolvido por ÍDEM coa colaboración do Goberno rexional, como xa o puxeron de manifesto os seus dirixentes o pasado novembro na presentación da iniciativa naquela Comunidade. Ademais, varias entidades asturianas amosaron xa o seu interese no caso galego, tal e como se puído ver na presentación do proxecto Destino Emprego celebrada o luns 18 na Federación Asturiana de Empresarios, onde o presidente de AGESTIC reuniuse cos membros desta plataforma para explicar o seu funcionamento.
Para AGESTIC, que un proxecto “remate” con eses resultados (creando emprego) “e con continuidade en Galicia, Cantabria e probablemente Asturias e outros lugares con ese mesmo obxectivo, fomentar a inserción laboral, é probablemente un dos maiores motivos de satisfacción nos anos de vida da asociación”.