O noso patrimonio e o audiovisual tecen o fío dun congreso que bota a andar en Ourense
xoves, 27 de xuño do 2013
Esta mañá botou a andar a Conferencia
Internacional sobre Territorios Creativos organizada pola Deputación de
Ourense coa colaboración da Xunta de Galicia, que busca xuntar a novos
creadores para abordar temas do seu interese onde as novas tecnoloxías da imaxe
teñen un lugar preferente. O evento desenvolverase durante hoxe e mañá no
Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense e conta coa presenza de
profesionais do audiovisual, a ilustración e as TIC de Galicia, Francia, País
de Gales e Portugal.
Na
inauguración da Conferencia participou o delegado territorial da Xunta en
Ourense, Rogelio Martínez, quen apuntou que “o fomento da creatividade xuvenil, e a través dela do emprendemento, é
un dos sectores básicos da nova Lei de Xuventude de Galicia, porque sen dúbida,
as ideas dos novos emprendedores están chamadas a ser as encargadas a impulsar
a competitividade”.
Na súa intervención, o delegado territorial referiuse aos programas
transfronteirizos Eurocidade e Emprende por tratarse doutras
iniciativas nas que colabora a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado co
propósito de apoiar a interacción e colaboración entre a xuventude galega e
portuguesa, e de promover actividades que convertan o espazo da eurorrexión nun
marco atractivo para novas actividades económicas e empresariais, potenciando o
talento xuvenil.
