O ano que vén teremos un xogo da Marvel ambientado na Segunda Guerra Mundial

mércores, 20 de marzo do 2024 Marcus Fernández

No marco da Game Developers Conference 2024 dende Epic Games celebraron un evento para dar conta de novidades ao redor de Unreal Engine, dentro do que Skydance Media presentou o videoxogo Marvel 1943: Rise of Hydra a través dun impresionante vídeo de adianto no que podemos ver a 4 heroes da Marvel unindo forzas durante a Segunda Guerra Mundial para loitar contra un inimigo común.
O xogo, que verá a luz en 2024, preséntanos aos seus protagonistas (un Capitán América mozo; ao avó de T’Challa, quen encarnaba a Black Panther na Segunda Guerra Mundial; a Gabe Jones, un dos integrantes dos Comandos Ouveadores de Nick Furia; e a Nanali, unha espía wakandiana infiltrada no París ocupado) e o poderío gráfico do que fará gala grazas ao Unreal Engine 5.4 e ao uso da tecnoloxía de animación facial que lle dá un grande realismo ás secuencias máis cinematográficas desta produción que desenvolverá unha historia orixinal dos personaxes da banda deseñada que promete ser épica se atendemos ao feito de que a súa guionista é Amy Henning, directora creativa e guionista dos tres primeiros xogos de Uncharted.

Vídeo de adianto de Marvel 1943: Rise of Hydra

PUBLICIDADE