O Unreal Engine 4 pasa a ser de balde

luns, 2 de marzo do 2015 Marcus Fernández

O motor gráfico de Epic Games, Unreal Engine 4, dá un paso de xigante, e pasa a ofrecerse de balde para calquera, incluíndo as súas futuras actualizacións, de xeito que calquera desenvolvedor que queira aproveitar esta plataforma para facer videoxogos, usos educativos, traballos arquitectónicos e solucións de visualización para a realidade virtual, as películas e a animación.
No único caso no que habería que pagar a Epic polo uso do Unreal Engine 4 sería cando un xogo comercializado supere os 3.000 dólares de facturación por trimestres, tras os que habería que pagar un 5% de tal cantidade en concepto de royalties, o que parece un acordo moi beneficioso, xa que só esixe pagar polo software tras conseguir un grande éxito, animando así a desenvolvedores independentes a apostar por esta tecnoloxía.
O Unreal Engine 4 inclúe a totalidade do código fonte en C++, e busca a ser unha importante contribución para o desenvolvemento de videoxogos, chegando esta decisión despois de que a primeiros de 2014 decidisen ofrecer o produto mediante unha subscrición de só 19 dólares/mes, levando a un incremento moi importante da súa base de usuarios, o que agora parece compensar a transformación nun produto de balde (que lembra ao modelo free-to-play que tamén adoptan moitos videoxogos).


Vídeo no que anuncian o cambio do modelo de negocio do Unreal Engine 4

PUBLICIDADE