O Game Pass despide febreiro con grandes incorporacións ao seu catálogo

martes, 20 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Nas vindeiras semanas o servizo Game Pass de Xbox vai recibir moitas novidades, comezando por hoxe mesmo, coa chegada de Return to Grace e Tales of Arise, sendo este último un xogo de rol xaponés de Bandai Namco que para moitos pasou inadvertido, e que pode resultar atractivo para os amantes do xénero.
Aínda que estes xogos quedarán totalmente eclipsados polo lanzamento do vindeiro xoves, Bluey: El Videojuego, que achega a célebre familia de cadelos animados a través de catro divertidas aventuras interactivas aptas para toda a familia. O xogo permitirá explorar icónicos lugares da serie de televisión e experimentar os xogos que podían verse na serie como que non toque o chan ou á caza de Charlatán.
O vindeiro día 27 o xogo que se incorpora ao Game Pass é Maneater, un sorprendente simulador de quenlla, no que hai que medrar e sobrevivir até converterse nun grande depredador mariño.
O mesmo día, grazas ao servizo EA Play, tamén será posible gozar do xogo Madden NFL 24 a través da nube.
Xa o día 28 poderemos gozar de Indivisible, o día 29 de Space Engineers e, xa o 5 de marzo, Warhammer 40.000: Boltgun. Ese último é un curioso shooter en primeira persoa que adopta o estilo visual que tiña o xénero nos anos 90 (como Doom ou Quake).

PUBLICIDADE