O Epic Mickey de 3DS retomará a historia dun xogo de Mega Drive

mércores, 4 de abril do 2012 Marcus Fernández

Hai pouco comentamos que a secuela de Epic Mickey tería versión para Nintendo 3DS, pero a información non resultou ser totalmente exacta, senón que Epic Mickey: El Retorno de Dos Héroes quedará limitado á Xbox 360 e á PlayStation 3, e para a nova portátil de Nintendo teremos un título totalmente distinto, Epic Mickey: Power of Illusion, que en vez de continuar a historia do primeiro Epic Mickey de Wii collería o relevo do Castle of Illusion de Mega Drive, o que daralle un toque clásico que moitos agradecerán.

Moitos personaxes coñecidos de Disney aparecerán neste xogo para Nintendo 3DS

O novo xogo para Nintendo 3DS chegará tamén no outono e está a ser desenvolvido por DreamRift en colaboración con Junction Point, e curiosamente conseguiron que encaixara na historia de Epic Mickey, pois ambiéntase no Páramo (lugar ao que van a pasar os debuxos animados esquecidos) onde está actualmente o Castelo da Ilusión, do que quere fuxir a malvada Mizrabel (meiga que secuestrara a Minnie no xogo de Mega Drive), o que haberá que evitar facendo uso do pincel máxico habitual nesta saga, para o que empregarase o panel táctil da consola portátil (e que creará efectos tridimensionais únicos).
Power of Illusion será un xogo de plataformas bastante tradicional, que parece querer render tributo a un tipo de xogos que moitos botaban en falta, cuns gráficos 2D moi coidados e unha chea de personaxes coñecidos.

O Epic Mickey de 3DS terá unha mecánica de plataformas tradicional

PUBLICIDADE