O Congreso Online do Observatorio para a Cibersociedade, a partir do 20 de novembro
martes, 17 de outubro do 2006
Falar hoxe en día da Sociedade da Información é como falar dun organismo, dun tecido, algo vivo que non é exactamente o mesmo dun día para outro e que, en definitiva, non deixa de ter un aquel de cousa imprevisible. Estas características de intanxibilidade e de rede que se move e xira fan cando menos interesante calquera intento que se faga por entendela, analizala e, sobre todo, prevela. Máis ca nada se ese intento vén da man de xente como a que adoita a reunir o Congreso Online do Observatorio para a Cibersociedade que organiza o devandito instituto (OCS) e a Fundació Observatorio da Societat da Informació de Catalunya (FOBSIC) e que chega agora á súa terceira edición, co pistoletazo de saída previsto para o 20 de novembro. Serán dúas semanas para “un apaixonante debate sobre as cuestións máis actuais en todo o relacionado coas novas tecnoloxías”, segundo apunta a organización nun comunicado.
Esta terceira convocatoria, que leva o título Coñecemento Aberto. Sociedade Libre?, irá especialmente orientado (como indica o propio título) a estudar as dimensións sociais e culturais nos procesos de implantación das novas ferramentas da comunicación. Mais cómpre facer un pouco de memoria: nas dúas edicións anteriores, o encontro en liña conseguiu congregar a máis de 4.500 especialistas, profesionais, investigadores da Sociedade do Coñecemento e usuarios en xeral das novas tecnoloxías. Agora, nesta edición da xuntanza que comeza o 20 de novembro, o comité organizador –co fin de entender aínda máis e mellor a onde nos levou e a onde nos levará a Rede– quere congregar o meirande (e mellor) número de apoios.
Así, contará co da Fundació Observatori da Societat da Informació de Catalunya (FOBSIC), o do Plan Avanza e o de destacados patrocinadores como a Diputació de Barcelona, a Secretaria de Telecomunicacions i Societat da Informació da Generalitat de Catalunya, o Concello de Cornellà de Llobregat e a Conselleria de Innovación e Industria da Xunta de Galicia. Segundo a organización da xuntanza, “esta é só a punta do iceberg dunha estrutura de traballo colaborativa e plural, na que participarán máis dun centenar de institucións, empresas, universidades, asociacións e todo tipo de entidades vencelladas á Sociedade da Información”.
Congreso libre, participativo ó cen por cen e de balde
Este congreso semella ser ós eventos e xuntanzas tecnolóxicas o que o software libre é á informática: libre, compartido e igualitario. Así o define a organización no seu comunicado: “Todo o mundo está convidado, polo tanto, a participar nesta innovadora iniciativa que, desde a lóxica militante nun acceso aberto e igualitario ao coñecemento, combina un custo cero para os internautas (a inscrición é totalmente gratuíta), cuns beneficios intelectuais considerables, xa que neste foro daranse cita moitos dos principais referentes da Sociedade da Información”. O congreso durará catorce días, e contará coa presenza de profesionais dos medios de comunicación, profesorado universitario, expertos en novas tecnoloxías e moitas outras persoas que comparten o interese por explorar as potencialidades e os límites das novas formas de distribución do coñecemento.
