O CeMIT inicia unhas xornadas de formación á cidadanía no uso do DNIe

venres, 12 de marzo do 2010 Raquel Noya

O DNI electrónico, ese documento tan similar ao tradicional que tantas vantaxes nos ía traer a tódolos cidadáns de a pé grazas ao chip que trae integrado (que nos permite usalo a través de Internet), segue a ter practicamente as mesmas funcionalidades que o seu antecesor para a maioría da poboación, é dicir, identificarnos oficialmente, pois a acreditación electrónica aínda non é unha realidade en moitas entidades públicas e privadas e, asemade, a xente aínda non está preparada nin concienciada dabondo para usalo en liña.
É por isto que a Xunta de Galicia, a través da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT), vai colaborar coa Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información na posta en marcha dun plan para o fomento do uso do DNI electrónico entre a cidadanía e os colectivos empresariais de Galicia.
Con este obxectivo, o Executivo desenvolverá diversas actuacións para difundir as utilidades e vantaxes do DNI electrónico entre os diferentes colectivos, tales como sesións de dinamización e demostración nas se distribuirán de balde lectores de DNI electrónico e folletos informativos.
Estas sesións terán lugar entre o 15 e o 25 de marzo, en 14 centros da rede CeMIT das catro provincias galegas.
Asemade, realizaranse xornadas de capacitación para os dinamizadores do resto da Rede CeMIT para que poidan impartir obradoiros sobre o uso do DNI electrónico nos diferentes concellos onde están a desenvolver o seu labor.
A cidadanía e colectivos empresariais de Galicia interesados en participar no desenvolvemento destas actividades poden informarse e inscribirse gratuitamente a través do portal de información www.usatudni.es.
As localidades nas que terán lugar as devanditas xornadas son: Arzúa, Cerceda, Mugardos, Sada, Teo, Carballedo, Barco de Valdeorras, Carballiño, Moaña, O Porriño, Bueu, Pontevedra e Vilagarcía.

PUBLICIDADE