O CEIP Ponte dos Brozos organiza o 31 unha nova entrega das súas Experiencias TIC

martes, 23 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

O CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo vai organizar este 31 de maio a sexta edición da súa xornada de Experiencias TIC, unha cita para amosar o máis salientábel da súa innovación tecnolóxico-docente, establecendo pontes de colaboración con outros equipos docentes e outros centros. En palabras da organización, a intención do encontro é “mostrar á comunidade educativa os proxectos levados a cabo durante o curso escolar 2016/2017 polo CEIP Ponte dos Brozos”, que ten como obxectivo fundamental o desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e Comunicación e a innovación educativa.
A xornada, engaden, é a consecuencia lóxica dun centro cuxa aposta TIC ten fondas raizames. Esta aposta tradúcese, no seo do CEIP, en cousas como o emprego de recunchos de ordenador desde cuarto de Educación Infantil (3 anos) até cuarto de Primaria, no uso de portátiles desde terceiro de Primaria hasta sexto de Primaria e no emprego de iPads en diferentes niveis, especialidades e aulas específicas.
As sesións levaranse a cabo no salón de actos do Centro Tecnolóxico de Arteixo, en horario de 16.30 a 20.00 horas. Logo da apertura oficial de actividades, ás 16.45 o profesor Fernando Moreno presentará o encontro e o resumo das actividades do CEIP ao abeiro das TIC. Arredor das 17.00 será a quenda de María Ces, co relatorio Territorio das Ar-TICs; ás 17.20 falarán Beatriz Suárez-Noguerol Calvet e Patricia Galán Gómez, co relatorio Reflexionando despois dun ano con Aula Planeta; ás 17.40 horas intervirán Inés González Llera e Ana Sevilla Blanco arredor da cuestión A escola na Rede. Logo dunha pausa para o café e de demostracións de realidade virtual por parte do alumnado, volverán as xeiras de debate ás 18.30 horas da man de Sonia Iglesias Rega e Patricia Boedo Noya (Realidade virtual e Storytelling), de Alberto López Souto (Fotografía e realidade aumentada: Proxecto Dkarret) e de Ángel Romero Roel e Rosa Moreiras Mosquera (Xogando aos oficios con Minecraft).

PUBLICIDADE