Boiro soluciona de xeito inmediato o 85% das incidencias grazas a app Liña Verde

xoves, 15 de febreiro do 2024 S. P.

O Concello de Boiro aumentou o grao de resolución das incidencias comunicadas gracias á implicación da veciñanza co servizo de xestión de incidencias Liña Verde, que consiste nunha aplicación móbil de libre descarga para a cidadanía (servizo ao que está adherido a Administración boirense xunto cunha manchea de concellos galegos). Segundo explicou o Concello no seu balance, a posta en marcha deste servizo centralizado de atención ás incidencias permitiu dar solución de xeito inmediato ao 85% das incidencias comunicadas.
No ano 2023 rexistráronse un total de 2.392 incidencias, as máis frecuentes son as relacionadas co alumeado público, que supoñen un 34% das totais, seguido de fochas nas estradas, beirarrúas e mobiliario, auga e saneamento e limpeza viaria. “Este servizo de xestión de incidencias permítenos ter unha comunicación máis rápida e sinxela coa cidadanía e así tamén facer unha maior planificación dos servizos municipais”, recoñeceu o alcalde José Ramón Romero, que engadiu que “grazas á á implicación da veciñanza e ao uso desta ferramenta é posíbel coñecer as necesidades e incidencias detectadas e darlle solución máis rápido”. Para empregar o servizo de xestión de incidencias Liña Verde so é preciso descargar de forma gratuíta a aplicación nun dispositivo móbil e rexistrar unha nova incidencia, indicando o lugar ou as coordenadas e incluso incorporar unha foto.