O 5 de febreiro chegará a PC XCOM 2

xoves, 7 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Os usuarios de PC poderán gozar a partires do 5 de febreiro da secuela de XCOM: Enemy Unknown, produción de Firaxis coa que retomouse unha vella franquía de estratexia que para moitos foi o mellor xogo de 2012, e que volverá con moita forza, mellorando numerosos detalles e engadindo detalles que o converterán nun dos títulos máis prometedores deste ano. Aínda que é de agardar que chegue a moitas plataformas, o xogo estréase en PC, podendo xa reservarse copias en formato dixital por 49,99 euros e en formato físico por 39,94 euros.
En XCOM 2 temos un planeta Terra dominado polos alieníxenas, e ante os seus sinistros plans xorde un grupo de humanos opositores que se organiza para loitar pola humanidade, o que supón un interesante xiro, xa que non se trata de evitar unha invasión extraterrestre, senón de organizar un movemento de resistencia global procurando eliminar a ameaza alieníxena mediante combates de guerrilla tácticos.
No xogo tómase o control dunha nave alieníxena transformada no cuartel xeral móbil da resistencia (XCOM), forza que deberá recrutar combatentes, tirar do I+D para mellorar as capacidades de combate, aprender a facer fronte a unha nova raza de inimigos... en definitiva, gozar da esencia desta franquía que conta cun público bastante fiel, e que no caso da versión para PC vai poder gozar coa vantaxe de contar con modificacións desenvolvidas por outros xogadores que se compartirán a través de Steam Workshop.
Os primeiros en probar este título detallan que a secuela corrixe e pule detalles da anterior versión, destacando especialmente unha maior orientación táctica, de xeito que certas misións poderanse completar dun xeito máis pausado que permita así planificar mellor os ataques. Tamén destacan que XCOM 2 chegará dobrado ao español.

Tráiler de XCOM 2