Novo Humble Bundle de Star Wars a favor de Unicef

martes, 7 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Os seareiros da franquía de Star Wars que aínda non teñan os seus principais videoxogos para PC teñen unha nova oportunidade para facerse cos mesmos a través do Star Wars Humble Bundle III, lote de xogos ofertados coa intención de achegar fondos a Unicef.
Os usuarios que paguen a partires de 1 dólar poderán incorporar á súa libraría de xogos de Steam os xogos Star Wars: Knights of the Old Republic, Star Wars: X-Wing Alliance, X-Wing vs TIE Fighter e Galactic Battlegrounds Saga, mentres que os que paguen máis da media (menos de 9 euros) recibirán tamén Star Wars Battlefront II, Jedi Knight II: Jedi Outcast, Star Wars Starfighter, Knights of the Old Republic II: The Sith Lords e Star Wars: Rebel Assault I + II.
Os pratos fortes chegarían para quen pague a partires de 14 dólares, que recibirían os xogos El Poder de la Fuerza, El Poder de la Fuerza II, Star Wars: Rogue Squadron 3D, Star Wars: Empire At War e unha novidade, Star Wars: Shadows of the Empire. Tamén existe a posibilidade de adquirir un lote que por 35 dólares inclúe un produto físico, unha camiseta exclusiva de X-Wing vs. TIE Fighter producida por Fangamer que remitirase a finais de abril aos que se fagan coa mesma durante as vindeiras dúas semanas.

PUBLICIDADE