Nintendo DS dá a nota na listaxe dos xogos máis vendidos de decembro

martes, 15 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

Amparo Baró e Javier Cámara promocionando a Nintendo DS

O Nadal e os días previos e posteriores son sempre (xeralmente nesta orde) datas de excesos gastronómicos e mercantís, pero tamén de prognósticos e de recontos. Destes últimos imos falar precisamente agora, e máis polo miúdo no que atinxe ós videoxogos e ás consolas, que son dous asuntos que, a fin de contas, van ligados ás pasadas datas coma a venda de trapalladas románticas ó 14 de febreiro. O caso é que a Asociación Española de Distribuidores e Editores de Software de Lecer (Adese) vén de presentar a listaxe de xogos máis vendidos no pasado mes de decembro, o que é como falar (a fin de contas, aínda que as cifras varíen) dos xogos máis vendidos do ano.
O ranking quedaría do xeito que incluímos máis abaixo, e que a ninguén se lle escape o feito de que a Nintendo DS sae especialmente ben parada do reconto. Por que? Pois porque mete ata seis produtos entre os máis requiridos no mercado e non nos postos máis baixos, senón todo o contrario, acaparando por exemplo o primeiro posto da clasificación:
1. Máis Brain Training (NDS)
2. WWE Smackdown! vs. Raw 2008 (PS2)
3. Pro Evolution Soccer 2008 (PS2)
4. Brain Training Do Dr. Kawashima (NDS)
5. Wii Play (Wii)
6. Imagina ser mama (NDS)
7. Training for your eyes (NDS)
8. The Legend Of Zelda: Phantom Hourglass (NDS)
9. Mario Party DS (NDS)
10. Mario & Sonic nos Xogos Olímpicos (Wii)
Sinalar que o Máis Brain Training (primeiro da listaxe) e o Brain Training do Doutor Kawashima son dúas propostas que seguen a liña imperante hoxe en día de tirar partido ó máximo do miolo propio perante a consola (agora xa non vale con poñer o cerebro en estado de actividade menos ca latente: a xente semella que agora quere darlle uso!).
O caso é que se trata dunha serie de exercicios e tests para determinar que idade ten o noso cerebro e se está ou non en boa forma. De feito, estes xogos poñen a proba (entre outras cousas) a memoria, as habilitades perceptivas e as matemáticas.