Mestres e programadores afondan esta semana en Vilalba nas vantaxes do software libre

martes, 17 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Seguimos a dar conta de actividades de divulgación do software libre, que estes días de tempada prevacacional abrollan en todos os puntos da xeografía galega e cun obxectivo en común: corrixir na medida do posible unha inxustiza histórico-informática, a dunha sociedade moito mellor informada do pechado ca do software aberto, malia terse dado este antes. Hoxe (día no que por certo seguen activas e dando que falar unhas xornadas sobre programación libre na Casa das Atochas da Coruña), toca dar conta doutro evento nesta liña, a celebrar os días 20 e 21 de xuño no Instituto de Educación Secundaria Lois Peña Novo de Vilalba e tendo ao software libre e as súas vantaxes para o académico, o social e o empresarial no seu punto de mira.
Máis polo miúdo, dicir que se trata da segunda edición destes encontros gratuítos e que contarán no seu programa con oito representantes da comunidade galega de usuarios e desenvolvedores de software libre, todos eles vinculados aos eidos da docencia e/ou da programación en si mesma. Este sería o programa das xornadas:
Venres 20, 17:15 a 20:15
· Educación musical con SwL. Jose M. Campello - Conservatorio As Pontes
· Robótica e SwL. Jose L. Álvarez - IES A Pinguela Monforte
· Pizarra dixital e pizarra wii. Diego Vázquez - IES A Pinguela Monforte
· Maquetación en SwL - SCRIBUS. Vicente Martínez de Cestafe - IES A Piringalla Lugo
Sábado 21, 10:00 a 14:00
· Capacitación profesional en SwL. Roberto Brenlla - CTI TEGNIX
· Voz ip con SwL: asterisk. José Limeres - Bora Telecom
· Implantación dun sistema informático real con SwL. Carlos Carrión - Adega Rosalía de Castro
· Ferramentas web 2.0 para a interacción social e empresarial. Pedro Silva - Blogaliza.org