Mario e os Rabbids volverán unir forzas nun xogo para Switch

luns, 14 de xuño do 2021 Marcus Fernández

En 2017 Mario + Rabbids Kingdom Battle sorprendeu mesturando os universo de Mario e os Rabbids (personaxes nacidos da franquía Rayman) nun título estratexia por quendas cun nivel de calidade que poucos esperaban, de aí que non debera sorprender que Ubisoft anuncie agora Mario + Rabbids Sparks of Hope, xogo que chegará a Nintendo Switch en 2022, e que xuntará desta volta a Mario cos Rabbids para enfrontarse a unha misteriosa entidade coñecida como Cursa, que desatou o caos pola galaxia e consumindo a enerxía dos Sparks, novos personaxes que xorden da fusión os escintileos e os Rabbids.
Nesta nova misión os protagonistas terán que percorrer a galaxia salvando planetas, rescatando aos Sparks e, finalmente, derrotar a Cursa, para o que haberá que dominar un curioso sistema de combate que desta volta mestura acción en tempo real con estratexia por quendas. Haberá que mover polos escenarios a un equipo formado por 3 dos 9 heroes que hai en total, que deberán localizar aos Sparks que teñen distintas habilidades e poderes, que serán os elementos a empregar de xeito estratéxico para poder superar aos inimigos.

Tráiler de Mario + Rabbids Sparks of Hope

PUBLICIDADE