Live the Place gañou a II edición do Startup Weekend Galicia

martes, 5 de xullo do 2011 Marcus Fernández

O evento destacou pola diversidade dos seus participantes e mentores

Tras o éxito da primeira edición galega de Startup Weekend que tivo lugar en Santiago de Compostela en xuño de 2010, as oficinas de Elogia en Vigo acolleron a pasada fin de semana durante 54 horas frenéticas a un grupo de persoas con distintas habilidades (principalmente desenvolvedores, programadores, deseñadores e xente de marketing e negocio) para traballar xuntos para dar pé a aplicacións web ou móbiles que puidesen converterse en proxectos viables, ilustrando así sobre as posibilidades que o traballo en grupo e as sinerxías poden achegar ao emprendemento tecnolóxico. Deste xeito aprenderon grazas ao apoio de diversos mentores que ter unha idea de negocio non é o mesmo que levala á práctica, que facer previsións financeiras é un reto e que a colaboración é o mellor xeito de mellorar os proxectos.

O equipo de Live the Place gañou a II edición do Startup Weekend Galicia

A proposta que resultou gañadora desta segunda edición do Startup Weekend foi Live The Place, unha aplicación móbil que permite compartir aventuras apoiándose na xeolocalización para, por exemplo, percorrer os lugares nos que se rodou unha película (permitindo tamén crear aventuras de seu, que poidan compartirse a título persoal ou como accións promocionais de marcas). Este proxecto estará presente na final do II Encontro Vindeira Capital Network, un evento que terá lugar o vindeiro 7 de xullo en Compostela e que é unha plataforma que pode axudar á achega de financiamento externo, participando un total de 8 proxectos dos que 1 terá a oportunidade de acudir ao Southern Europe Tech Tour que terá lugar en setembro e que xuntará aos investidores TIC máis importantes de Europa na busca de posibilidades de investimento.
Velaquí a presentación do seu proxecto:


Nun segundo posto quedou Alzh.tv, unha páxina web que busca facer máis doada a vida ás familias ou coidadores de enfermos de Alzheimer mediante vídeos prácticos que amosen trucos e consellos útiles sobre nutrición, mobilidade, hixiene e mantemento físico.
Presentaron o proxecto coas seguintes diapositivas:


O terceiro clasificado foi DoThisApp, unha aplicación móbil doada e intuitiva que achega ao usuarios múltiples ofertas de lecer baseadas nas súas características persoais e en eleccións opcionais, que presentaron así:


Os outros dous proxectos que ocuparon a edición galega do Startup Weekend foron EduHUB (unha plataforma en liña de contidos educativos) e Escaparate Fugaz (unha nova proposta de tenda en liña dividida en escaparates de 10 produtos cada un).
A serie de eventos Startup Weekend naceu en 2007 da man de Andrew Hyde como un concepto de conferencia enfocada a aprender creando, destacando polo toma rápida de decisións, o pensamento creativo e facilitando que os participantes amosen o que saben e poden facer. Esta proposta conseguiu boa aceptación internacional, de xeito que agora está presente en máis de 35 países de todo o mundo. No caso de España o encontro ten presenza en Galicia, Barcelona e Madrid, e precisamente a última edición madrileña rematou co trunfo dun proxecto liderado por un emprendedor establecido en A Coruña.