LG presenta un smartwatch con corpo de aceiro

luns, 16 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Que as vendas de smartwatches fosen moi decepcionantes en 2014, o lanzamento (posiblemente en abril) do Apple Watch podería dinamizar esta categoría de produtos, de aí que se entenda como bastante atinado o último produto con Android Wear de LG Electronics, o LG Watch Urbane, un smartwatch que poderá verse no Mobile World Congress de Barcelona e que presenta un corpo metálico que o converte nun accesorio elegante que consegue resultar máis natural para un uso diario.
O LG Watch Urbane vén a ser unha evolución do LG G Watch R, por presentar tamén unha pantalla P-OLED redonda (cun tamaño de 1,3 polgadas e unha resolución de 320 x 320 píxeles), de xeito que cadanseu dispositivo iría destinado a un contorno diferente (o Urbane sería máis elegante, mentres que o LG G Watch R estaría orientado a usos activos).
De feito, dende LG non ven ambos smartwatches como competidores senón como complementarios (xa que un mesmo usuario podería empregar ambos en función do uso que fose a darlle: o LG Watch Urbane sería ideal para o día a día na cidade, mentres que o LG G Watch R sería máis práctico para facer deporte).
O novo reloxo de LG ten un corpo de aceiro de cor prata ou ouro, e inclúe unha correa de pel, que pode substituírse por calquera correa ordinaria de 22 milímetros. Funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 400 a 1,2 GHz, 512 MB de RAM, 4 GB de almacenamento interno, xiroscopio, acelerómetro, barómetro, compás dixital, pulsímetro e batería de 410 mAh. É resistente ao po e á auga (IP67), o seu grosor é de 10,9 milímetros e para poder empregalo precisaremos dun smartphone con Android 4.3 ou superior.

O LG Watch Urbane quere encaixar ben como accesorio de moda

PUBLICIDADE