Volve a acción sen complexos con Just Cause 4

luns, 3 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Este martes sae oficialmente á venda o xogo Just Cause 4, co que Square Enix e Avalanche Studios convídannos unha vez máis a vivir unha experiencia propia do grande cine de acción, no que o realismo ten pouca importancia, e a espectacularidade reina. Desta volta poderemos visitar Solís, un enorme territorio suramericano en conflito, onde o axente rebelde Rico Rodríguez chega a descubrir a verdade sobre o seu pasado, sen importar o prezo.
Nesta entrega de Just Cause volven ter grande peso as secuencia aéreas, de xeito que poderemos sobrevoar os ceos cun traxe especial co que facer paracaidismo, salto base e mergullo libre sen límites. As condicións climatolóxicas extremas tamén xogarán un rol importante, achegando unha física inédita na que os tornados e as tormentas tropicais dificultarán a loita contra os inimigos.
Aínda que o lanzamento deste xogo para Xbox One, PlayStation 4 e PC está previsto para mañá, as versións de luxo do xogo contan con 24 horas de acceso anticipado, polo que dende hoxe xa hai xogadores podendo gozar da nova aventura de Rico Rodríguez, que chega co reto de ter que facerse un oco nunha campaña de Nadal chea de grandes superproducións capaces de eclipsar a case calquera lanzamento.

Tráiler de lanzamento de Just Cause 4

PUBLICIDADE