Igalia achega máis detalles sobre a segunda edición do Máster de Software Libre

mércores, 17 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Un grupo de alumnos da primeira convocatoria durante unha viaxe a Bruxelas para participar no FOSDEM, encontro europeo de programadores en open source.

A empresa galega Igalia, especializada en achegar servizos e solucións baseados en código aberto, segue adiante co seu compromiso a prol da formación en software libre e, en última instancia, o reforzamento do eido empresarial galego vinculado a este tipo de programación. É aí nesa liña de traballo onde se insire o Máster de Software Libre no que a empresa participa xunto coa Universidade Rey Juan Carlos e que chega arestora á súa segunda convocatoria. O programa formativo, que conta con Caixanova en labores de promoción e organización, vai orientado a acadar os seguintes obxectivos: capacitar aos alumnos para dirixir, avaliar e participar en proxectos de software libre do eido internacional e, amais, liderar iniciativas de liberación, desenvolvemento e publicación de programas abertos.
Ámbolos dous puntos, subliña Igalia nun comunicado no que dá a coñecer a natureza do máster, son de especial importancia para o sector privado galego e de alén de Galiza, sobre todo tendo en conta que o deseño e distribución deste tipo de software atópase cada vez máis demandado por institucións públicas e por empresas, unhas e outras na procura de ferramentas de calidade que, ademais, teñan un menor custe.
O programa, ademais, está feito para abranguer as dúas vías: a estritamente educativa e a de visión empresarial. De feito, engade a empresa galega, combina o punto de vista formativo da Universidade Rey Juan Carlos (con experiencia en moitos proxectos de I+De europeos baseados no código aberto) e a visión máis corporativa de Igalia.
O miolo docente do máster desenvolverase durante o vindeiro curso académico, achegándose contidos e actividades os venres e os sábados a partir do vindeiro mes de outro no Centro Social Caixanova de Vigo. O plan de estudos, informan os responsables do curso, ten un enfoque práctico-técnico e encamíñase a persoas que acaban de recibir o título universitario e profesionais do eido da enxeñería e técnica das Telecomunicacións, Informática ou Industrial. En liñas xerais, diríxese a todos os titulados superiores que teñan coñecementos informáticos abondos para acadar os obxectivos do máster, que se plasmarán nun proxecto final de índole práctica dirixida por un titor.
Por certo que as solicitudes para participar no programa formativo pódense descargar xa das webs de Caixanova e dende a habilitada para dar conta dos contidos e detalles do propio curso: www.mastersoftwarelibre.com. As follas de inscrición poden entregarse debidamente cumprimentadas en calquera sucursal da entidade financeira, asumindo esta, a través da Fundación Caixanova, un custo da propia matrícula.
No máster tamén colaboran entidades e empresas como Cenatic (Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC), Mancomún (Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia, da Consellería de Innovación), e-Box, Telefónica I+D ou Trabe Soluciones.