IGTV ábrese ao vídeo en horizontal

xoves, 23 de maio do 2019 Marcus Fernández

O ano pasado Instagram lanzou unha plataforma para vídeos verticais de longa duración chamada IGTV, que nas últimas semanas conseguiu bastante pulo grazas a cambios no funcionamento de Instagram que destacan os contidos de vídeo deste tipo tanto entre as publicacións como no apartado de exploración, e para continuar avanzando en popularidade sorprenden cedendo ante unha das demandas de moitos creadores de contidos que atenta contra a esencia da plataforma, de xeito que a partires de agora aceptan vídeos en horizontal.
Esta medida busca contentar aos creadores de contidos e, á vez, facer que tal experiencia estea optimizada, de xeito que permitirán así dicir adeus á unha mala práctica de moitos creadores que publicaban vídeos xirados en 90 graos. Agora, cando se publique un vídeo en horizontal, verase a pantalla completa cando teñamos o móbil en horizontal, pero cando suxeitemos o terminal en vertical o vídeo verase pequeno, pero nunha orientación correcta.
Dende Instagram defenden esta decisión de aceptar vídeos en horizontal asegurando que aínda que os vídeos en vertical axudan a comunicar dun xeito máis próximo ás audiencias, o formato horizontal resulta máis axeitado para rexistrar bailes ou deportes, ou simplemente momentos nos que queiras que varias persoas saian no mesmo plano.

PUBLICIDADE