Instagram quere converterse na televisión móbil

mércores, 20 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Kevin Systrom foi o encargado de presentar IGTV

Instagram celebrou hoxe unha presentación mundial na que deron conta de que xa contan con máis de mil millóns de usuarios en todo o mundo, o que é todo un logro para unha plataforma nacida en 2010 e que no parou de evolucionar nestes poucos anos, aínda que o prato forte do acto foi a presentación dunha nova funcionalidade da súa plataforma, IGTV, que chegará na forma dunha nova aplicación para ver vídeos verticais máis longos dos creadores máis populares e, aínda que estes vídeos estean pensados para o seu consumo na nova aplicación que vén de ver a luz para iOS e para Android, tamén poderán verse dende a aplicación ordinaria de Instagram, de xeito que os mil millóns de usuarios poderán gozar de IGTV dende o primeiro día.
IGTV busca ser a televisión de Instagram, diferenciándose do vídeo tradicional na escolla da orientación vertical como formato, pero imitando o consumo televisivo no feito de que, en canto a aplicación se abre, xa comeza a reprodución de vídeo, de xeito que a interacción é máis semellante ao zapping que á busca de contido específico, podendo o usuario moverse entre as distintas seccións (Para ti, Persoas que segues, Populares e Seguir vendo).
Os contidos de IGTV non estarán limitados aos 15 segundos das historias nin ao minuto das publicacións, senón que optan por unha duración máxima de unha hora, primando así os contidos de maior duración, de xeito que competiría tanto coa televisión tradicional como con contidos como os de YouTube, nos que coincide no feito de que os creadores son as canles, permitindo que calquera poida converterse en creador subindo os vídeos dende a aplicación de IGTV ou dende a versión web.
Iníciase así un novo capítulo para Instagram, no que o vídeo de longa duración pasa a ter un peso importante en contrate aos contidos breves e efémeros que tanto éxito tiñan até o momento, de aí que sexa bastante comprensible a segregación do contido en dúas aplicacións, principalmente para atender aos intereses e a dispoñibilidade de tempo do usuario nun momento determinado.

Vídeo promocional de IGTV

PUBLICIDADE